A Mesa Provincial de Comercio Local aproba os proxectos de dinamización comercial de oito entidades

Reunión da Mesa Provincial de Comercio Local
A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, participou hoxe nunha nova reunión da Mesa Provincial de Comercio Local da Coruña, que agrupa a administracións públicas, asociacións de comerciantes e consumidores e representantes dos distintos concellos. Tamén estiveron presentes, en nome do ente provincial, o deputado Antonio Cañás, a presidenta da Asociación Galega de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios “Brétema”, Rosa Otero, e o presidente da Federación Galega de Comercio, Miguel Agromayor.
Neste encontro, supervisáronse os proxectos de dinamización comercial presentados desde diferentes asociacións comerciais con competencia na provincia, trámite necesario para que estas poidan concurrir ás ordes de axudas convocadas polo Goberno autonómico.
Neste senso, levaron as súas propostas ante mesa a Federación Galega de Comercio, a Federación Galega de Centros Comerciais Abertos e Zonas Comerciais Urbanas, a Federación de Comercio da Coruña, a Federación de Empresarios da Costa da Morte, a Federación Provincial do Barbanza, a Asociación Provincial de Empresas de Comercio de Mobles da Coruña, o Gremio Provincial de Xoieiros, Prateiros e Reloxeiros e a Federación de Libreiros de Galicia. Todas as iniciativas están encamiñadas potenciar o consumo no comercio de proximidade e atraer e fidelizar a novos clientes.
Cumprimento da Lei de Comercio Interior de Galicia
A convocatoria da reunión da Mesa Provincial de Comercio Local faise en cumprimento da Lei de Comercio Interior de Galicia. Este órgano está pensado para fomentar o diálogo e a coordinación entre a administración, os comerciantes e os consumidores no deseño e execución das políticas comerciais que lles afectan. Neste senso, Do Campo subliñou que se está a traballar para “impulsar a colaboración entre os membros do sector para a optimización dos recursos”. Coa nova norma, indicou, está a disposición dos comerciantes unha serie de instrumentos que teñen como obxectivo a mellora e a modernización do comercio galego, así como a solución dos problemas que lles afectan.
Entre as novas ferramentas que recolle a lei están as chamadas mesas locais de comercio, entendidas como un lugar de encontro e un foro de debate, onde teñen voz e voto o comercio de proximidade, os consumidores e os propios concellos. A mesa provincial asume as funcións da administración local naqueles concellos que non contan con un mínimo de 20 comercios minoristas ou nos que non existe unha asociación local de comerciantes. Ata o de agora, máis 30 municipios coruñeses, dos 93 de toda a provincia, están representados na nova mesa, algo que para a delegada territorial dá conta “do nivel de actividade comercial na Coruña e da importancia da constitución das mesas locais como instrumentos de participación”.
Funcións da Mesa Provincial do Comercio Local
Entre as tarefas que desenvolve a Mesa Provincial do Comercio Local están as de informar sobre as campañas de promoción que se desenvolven con fondos públicos, elaborar informes para a realización de feiras de oportunidades, actuar como órgano consultivo sobre todas as cuestións que afecten ao comercio retallista ou ser oída na elaboración de plans de tráfico e de ordenación urbana dos concellos integrantes, entre outras. Esta tamén está a servir para trasladar aos municipios representados as medidas, iniciativas e propostas en materia comercial.
En definitiva, trátase de contar con unha ferramenta eficaz para dotar de maior dinamismo, proxección e modernidade ao pequeno comercio, “máis aínda nun contexto de crise económica como o actual”, indicou a representante autonómica. “Pretendemos que o sector se decate de que a través da unión de todos os axentes se pode ser máis competitivo e chegar a negociar, por exemplo, créditos cos bancos, as tarifas da luz ou outros asuntos que poidan beneficiar a súa actividade”, engadiu.











