A Mesa Local de Comercio de Cangas aproba celebrar o mercadillo extraordinario o venres dos Dolores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+

Este mediodía o salón de plenos acolleu a celebración extraordinaria da Mesa Local de Comercio, que estivo presidida pola concelleira de Comercio Berta Pérez . Durante a xuntanza debatéronse diversos temas de interese municipal.

O primeiro dos asuntos tratados foi a proposta parte da asociación de vendedores ambulantes e da Praza de Abastos de celebrar dous mercadillos extraordinarios o venres 11 de abril, día dos Dolores, e o venres 15 de agosto.

Tal e como se recolle na ordenanza municipal vixente so está permitida a celebración de dous mercadillos extraordinatrios ao ano, un un martes e outro un venres. Como este ano non hai ningún festivo en martes, so se podería celebrar un único mercadillo extraordinario. Pola súa parte representantes de FECIMO reclaman que se cumpra a ordenanza e a mesa de comercio, tras a votación, acordou a celebración do mercadillo extraordinario o vindeiro venres 11 de abril, festividade dos Dolores.  

Durante a xuntanza tamén se deu conta da subvención solicitada por parte do Concello de Cangas á Consellería de Industria para a realización de diversas actuacións de acondicionamento e mellora do anexo da Praza de Abastos. Dende o concello presentouse un proxecto que inclúe a reparación do solo da parte da praza de venda de peixe do día (anexo), o cambio das portas de todo o recinto, o pintado da fachada, a reparación e limpeza do tellado e a colocación de vinilos translúcidos que evitarán a entrada directa da luz solar.

Este proxecto conta cun orzamento de 96.300,60 euros que de ser concedida a subvención sería sufragado nun 80% pola Consellería de Industria e no 20% restante polo concello de Cangas.

Berta Pérez afirmou que con estas actuacións darase cumprimento á totalidade das obras previstas no Mercado Municipal.

7 de abril de 2014 | 18:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.