A Mesa de Contratación da Laracha clasificará as ofertas presentadas para o subministro de 200 colectores amarelos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

A Mesa de Contratación, que é o órgano competente para valorar as ofertas que se presentan aos diferentes procedementos públicos abertos convocados polo Concello da Laracha, reunirase o luns (día 7 de abril) para clasificar as propostas das empresas que concorreron ao concurso referido ao subministro de douscentos colectores amarelos (plásticos e envases) para a recollida selectiva de residuos no municipio.

Atendendo aos pregos que rexen o procedemento, a oferta que a Mesa de Contratación considere que é a máis beneficiosa para o Concello da Laracha será a proposta para que, posteriormente, sexa adxudicada por parte da Xunta de Goberno Local.

O orzamento máximo de licitación ascende a 34.000 euros, que serán financiados integramente con fondos propios, un investimento que traerá beneficios medioambientais (aumentarase o material que se recollerá para o reciclado) e económicos (reduciranse os residuos que se depositan no colector xenérico, cuxo tratamento ten un maior custo).

O goberno local impulsa a iniciativa coa que se reforzará a cobertura da recollida selectiva en todo o municipio. A primeira fase, que contempla a instalación dos citados douscentos colectores amarelos, afectará a sete parroquias. Nas outras seis actuarase nunha segunda fase, que está previsto desenvolver ao longo deste ano.

6 de abril de 2014 | 12:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.