A Laracha saca a licitación a construción do pavillón polideportivo do Ceip Ramón Otero Pedrayo
O Boletín Oficial da Provincia (BOP) da Coruña publica hoxe o anuncio polo cal o Concello da Laracha saca a licitación a obra referida á construción do pavillón polideportivo do CEIP Ramón Otero Pedrayo.
Agora ábrese un prazo de quince días para que as empresas interesadas en participar no procedemento aberto presenten as súas ofertas, sendo a data límite o 14 de maio. O orzamento máximo de licitación ascende a 605.775,77 euros (IVE engadido). Recentemente o alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López Varela, e o presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, asinaron o convenio de colaboración para o financiamento desta actuación. O ente provincial aportará 300.000 euros, correspondendo ao Concello da Laracha asumir con fondos propios municipais máis do cincuenta por cento da actuación.
O proxecto consiste na cubrición, o cerramento e a construción das bancadas nas pistas polideportivas do interior do centro educativo. Contémplase, así mesmo, a creación de dous aseos (masculino e feminino), almacéns e un acceso que comunicará directamente a instalación deportiva co edificio de primaria do colexio. En total, a superficie que quedará pechada alcanzará os 1.400 metros cadrados.
Deste xeito o CEIP Ramón Otero Pedrayo, o centro educativo de maior entidade dos existentes no municipio por superficie e volume de alumnos (na actualidade, 542), contará con pistas polideportivas cubertas que durante as horas lectivas estarán exclusivamente a disposición do colexio e, fóra dese horario, completarán a ampla cobertura de instalacións deportivas públicas existentes no Concello da Laracha, xa que será o quinto pavillón polideportivo municipal.
A creación do pavillón do CEIP Ramón Otero Pedrayo é unha vella aspiración do goberno local da Laracha que se fará realidade previsiblemente a finais deste ano grazas a colaboración entre o Concello e a Deputación Provincial da Coruña. Este centro de ensino, construído nos anos `70, conta na actualidade cun ximnasio cuberto. O proxecto que se executará nos próximos meses dará resposta ás necesidades que presenta o colexio no que se refire á dispoñibilidade deste tipo de espazos protexidos das condicións climatolóxicas adversas e que estarán a disposición dos alumnos e persoal docente para acoller as clases de educación física, actividades educativas complementaria, eventos organizados polo centro de ensino e os recreos en xornadas de choiva.
Dado que o prazo de execución dos traballos será de cinco meses, a previsión do goberno local é iniciar as obras coa chegada do verán, aproveitando o cese da actividade no centro educativo, o que posibilitaría que as fases máis laboriosas –as correspondentes á instalación das estruturas- se acometesen durante as vacacións estivais.











