A Laracha presentará á Xunta un novo proxecto de mellora do campo da feira de Paiosaco
O Concello da Laracha solicitará a súa participación no programa de subvencións convocado pola Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia para a mellora dos mercados municipais, prazas de abastos e dos espazos de comercio non sedentario. Ese foi o acordo máis destacado da sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada hoxe.
O proxecto que se presenta para ser cofinanciado con cargo á citada liña de axudas ten por obxecto a mellora do campo da feira de Paiosaco. Inclúe a renovación do pavimento nunha área do interior do recinto, a sinalización horizontal e vertical e o remarcado da totalidade dos postos de venda. A actuación proposta está valorada nun total de 40.000 euros.
Como motor económico da parroquia de Lestón e un dos símbolos e reclamos turísticos máis coñecidos do Concello da Laracha, a feira de Paiosaco é prioritaria na axenda do goberno local, sendo constantes os proxectos e as actuacións que se desenvolven no recinto para mellorar as súas condicións e facilitar o desenvolvemento da actividade comercial que cada quince días, o primeiro e o terceiro domingo de cada mes, se desenvolve nesta instalación municipal.
Pola situación do campo da feira -no centro do casco urbano de Paiosaco e, por tanto, nunha zona urbana-, a renovación do pavimento e a sinalización horizontal proxectadas tamén suporían melloras na seguridade viaria das que se beneficiaría a veciñanza en xeral mesmo en xornadas nas que non exista actividade feiral.











