A Laracha implantará a zona azul gratuíta nun tramo urbano da avenida Fisterra
O goberno local da Laracha está a traballar na redacción da modificación da ordenanza municipal sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade viaria para incluír a implantación da zona azul de carácter gratuíto nun tramo da avenida Fisterra ao seu paso polo centro do casco urbano da capital municipal da Laracha, concretamente entre os seus puntos de confluencia coas rúas Mestre Baldomero Fraile e Coruña.
O obxectivo desta medida é fomentar a rotación dos vehículos que se estacionan nesa zona, que conta no seu tramo urbano con actividade comercial, entidades bancarias e a propia Casa do Concello e, por tanto, é unha das máis transitadas do municipio.
A proposta do goberno local e que a restrición no estacionamento sexa por un espazo de noventa minutos e permaneza vixente de luns a venres en horario de mañá, desde as 9.00 ata as 15.30 horas. Por tanto, non existiría limitación durante as tardes, as noites, as fins de semana nin os festivos.
A medida non afectaría aos vehículos acreditados coas tarxetas de mobilidade reducida, que poderán facer uso da zona azul sen ningún tipo de restrición.
Para facerse efectiva, esta proposta do goberno local será tratada en próximas datas na correspondente Comisión Informativa para, posteriormente, ser elevada ao Pleno da Corporación municipal como pasos previos á súa entrada en vigor.











