A Laracha destinará 120.000 euros a subvencionar a actividade de entidades culturais, deportivas e educativas
O Concello da Laracha publicará nos próximos días no Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP) as bases da convocatoria de subvencións municipais dirixidas ás asociacións culturais, clubs deportivos, entidades educativas e deportistas individuais.
A convocatoria deste ano estará dotada con preto de 120.000 euros, nunha renovación do compromiso do goberno local cos obxectivos de fomentar o asociacionismo e a organización e realización de actividades ou actos considerados de interese xeral para a poboación do Concello a Laracha ao longo do ano 2014.
Os tres apartados de actuacións subvencionables que se recollerán na convocatoria corresponderán á promoción de actividades educativas (accións a realizar nos centros educativos públicos da Laracha), culturais (entendendo por elas calquera acción referida á conservación, promoción e divulgación dos valores culturais) e deportivas (actividade dos clubs e desenvolvemento de cursos, competicións, campus e calquera actividade relacionada co fomento de calquera disciplina deportiva).
O cuarto apartado é o dirixido a apoiar aos deportistas individuais máis destacados do municipio a través dunha achega económica dirixida a colaborar nos gastos das viaxes ou da adquisición e o mantemento do seu material de competición. Neste caso, á hora da concesión da subvención valoraranse os éxitos persoais de cada deportista logrados nos diferentes ámbitos xeográficos.
Unha vez sexan publicadas as bases da convocatoria no BOP, abrirase o prazo para que as asociacións, entidades, clubs e deportistas individuais que desexen optar a beneficiarse destas axudas municipais poidan presentar a súa solicitude.











