A Lanzada xa ten todo listo para recibir os mellores surfistas do panorama nacional e internacional

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaPontevedra
A-
A+
Presentación do Campionato de Surf

Presentación do Campionato de Surf

Todo está preparado na Lanzada para acoller a partir de mañá a élite nacional e internacional do surf profesional. Un cento de surfistas procedentes de 21 países do mundo daranse cita nas Rías Baixas para participar nunha das dúas únicas probas clasificatorias para o campionato do mundo de surf que se celebra en España e co que a Deputación de Pontevedra pretende non só impulsar a práctica deste deporte na provincia, senón, e sobre todo, ver as Rías Baixas como destino de turismo activo.

Así o destacou esta mañá o presidente da Deputación, Rafael Louzán, na visita que realizou ás instalacións do Surf Rías Baixas Pro acompañado da deputada responsable de Deportes, Begoña Estévez; do rexedor do Grove, Miguel Ángel Pérez; da concelleira de Deportes de Sanxenxo, María Isabel González; así como dos deportistas Ratkovic, ex-xogador do Celta e da selección iugoslava de fútbol; do regatista Antón Paz; do director deportivo do Celta, Miguel Torrecilla; e do ciclista Óscar Pereiro.

Ningún deles quixo perderse a oportunidade de probar nunha nova disciplina deportiva e, da man de surfistas profesionais, atrevéronse a subirse nunha táboa e cabalgar sobre as ondas da Lanzada, que esta mañá ofrecía boas condicións para os bautismos de surf.

Proba de alto nivel

Rafael Louzán fixo fincapé en que a provincia de Pontevedra conta con “lugares magníficos” para a práctica deste deporte, polo que eventos coma o que mañá comeza permitirán situar ás Rías Baixas no mapa do surf internacional.

De feito, agárdase a presenza dun cento de surfistas profesionais procedentes de 21 países que loitarán na Lanzada por facerse cunha boa puntuación de cara ó campionato do mundo.

As probas comezarán mañá ás 8:30 h e estenderanse ata última hora da tarde do domingo.

Louzán incidiu en que con esta iniciativa a Deputación non só pretende impulsar a práctica do surf na provincia senón tamén seguir dando pasos na estratexia de promoción turística por medio de eventos nos que a Administración provincial leva traballando nos últimos anos e que incluíu a Volta a España ou o Congreso Internacional da Camellia.

Animou a todos a achegarse ata A Lanzada, dado que esta segunda edición do Surf Rías Baixas Pro (que este ano entra xa no circuíto profesional como Star Event de 1 estrela) vai ser moito máis que un campionato deportivo e preséntase como unha ocasión para gozar da natureza e da praia da Lanzada dun modo diferente.

Así, haberá bautismos de surf durante os catro días de campionato, nos que poderán participar tanto os cativos (a partir de 9 anos) coma os maiores.

Louzán amosouse confiado en que as condicións meteorolóxicas acompañen e que a cita resulte un éxito.

Para incrementar o seu atractivo inclúense actividades coma volei praia, paddleboard, iniciación ó rescate en moto de auga, charlas sobre construción de táboas de surf, sinaturas de autógrafos, sorteo de material ou limpeza de praias.

9 de abril de 2014 | 22:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.