A IV edición de ‘Educa Saúde’ chega aos escolares dos centros de educación especial da Coruña
O concelleiro de Educación, Francisco Mourelo, acompañado polos responsables dos centros de educación Especial Nosa Señora do Rosario e A nosa Señora de Lourdes, Jorge Campos e Patricia Freire, presentou esta mañá algunha das novidades da IV edición de Educa Saúde, o programa de saúde municipal dirixido a familias e escolares dos centros educativos coruñeses que é único en España. En concreto, durante os meses de maio e xuño, o programa desenvolverase nos centros de educación Especial da cidade: A nosa Señora de Lourdes, A nosa Señora do Rosario e María Mariño, participando un total de 139 alumnas e alumnos así como as súas familias e profesores.
“No último trimestre deste curso, os profesionais desta iniciativa asumen un reto moi importante para facelo aínda máis completo, universal e integrador. Para iso, o programa de actividades de Educa Saúde tivo que adaptarse a unha nova realidade tanto no contido das actividades como na metodoloxía a empregar”, explicou Mourelo, quen destacou a participación do persoal docente destes centros como parte determinante na elaboración e organización dunhas actividades que respondan de maneira eficaz e realista ás necesidades do seu alumnado.
O concelleiro de Educación lembrou que Educa Saúde é un programa de prevención e formación que aborda a saúde escolar, creando e ensinando dunha forma amena e participativa, hábitos de vida saudables. Organízase e desenvolve desde a perspectiva da prevención e relaciónase directamente cun ámbito estratéxico de intervención integral da saúde, formado por outros dous programas municipais como son os Xogos Escolares e Deporte no centro, no que tamén participan os centros de educación Especial.
A iniciativa, que conta co aval da Asociación Galega de Pediatría e a colaboración da Fundación María José Jove, está formado por un equipo multidisciplinar integrado por pediatras, matronas, enfermeiras, psicólogas e un educador social que interveñen nos centros en 4 ámbitos fundamentais:
-O da prevención, concretamente a prevención de adiccións, o uso do lecer e o tempo libre.
-O psicosocial, é dicir, as habilidades sociais, as emocións, a igualdade de xénero, a comunicación e o medio ambiente.
-O médico, abordando aspectos como a alimentación e a actividade física, a hixiene, a seguridade, o soño e o descanso.
-O afectivo – sexual tratando temas como a educación sexual, a prevención da violencia de xénero e o abuso sexual ou as redes sociais.
“Un dos aspectos fundamentais do programa é a participación simultánea das familias nas sesións da tarde impartidas por un equipo de pediatras e enfermeiras para reforzar o que practican os seus fillos pola mañá. Esta participación é vital para a mentalización dos menores e para poder transmitir condutas adecuadas orientadas a unha vida saudable”, explicou o concelleiro quen lembrou que as familias teñen enormes facilidades para participar xa que poden deixar aos seus fillos máis pequenos nos Talleres emocionais que este programa organiza no mesmo centro e ás mesmas horas das sesións para pais.
“Ademais -anunciou Mourelo-, no próximo curso escolar Educa Saúde ampliarase aos centros concertados e aos centros de educación Secundaria do Concello, incorporando novos contidos e actividades como talleres sobre trastornos da alimentación ou primeiros auxilios”.
Desde a súa posta en marcha no ano 2012, neste programa municipal da saúde, pioneiro en España, participaron 9.335 escolares de entre 1 e 12 anos matriculados nas 7 Escolas Infantís Municipais e o os 24 centros de educación Infantil e Primaria públicos do Concello.











