A iniciativa “Dálle luz á túa factura” chega aos consumidores de Vigo
O Instituto Galego de Consumo ofrecerá mañá xoves unha xornada informativa en Vigo para achegar aos consumidores e usuarios a iniciativa de divulgación, formación e sensibilización Dálle luz á túa factura, coa que a Consellería de Economía e Industria persegue facer máis comprensible a factura da luz resolvendo as dúbidas da cidadanía e fomentando, ao mesmo tempo, o aforro enerxético.
O encontro celebrarase a partir das 18 horas no salón de actos da Delegación Territorial da Xunta (Concepción Areal, 8). Na xornada presentarase o simulador eléctrico, unha aplicación que permite aos usuarios obter información sobre cada un dos elementos que conforman a factura eléctrica, personalizala e adaptala ao seu caso concreto recomendando unha potencia a contratar. Esta ferramenta desglosa, tamén, o consumo do fogar, determinando o equipamento eléctrico co que conta a vivenda e as posibilidades de optimizar o seu consumo.
Os asistentes poderán consultar as súas dúbidas a respecto da factura eléctrica e resolver diferentes casos prácticos, así como obter información sobre as distintas vías para darlle solución as súas reclamacións. Ademais, recibirán consellos sobre como reducir o consumo de enerxía no fogar.











