A Garda Civil detén a dous homes de Mos polo suposto envelenamento de animais con cebos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMosSucesos
A-
A+
Achado dun dos cadáveres envelenados

Achado dun dos cadáveres envelenados

A Garda Civil detivo a dous veciños de Mos como supostos autores dun delito contra o medio Ambiente relativo á flora, fauna e animais domésticos, polo uso de velenos sen estar legalmente autorizados para iso. No marco da mesma operación, coordinada polo Equipo do Seprona do Porriño, impútaselle a outro home, con domicilio no municipio de Valga, por un presunto delito de falsidade documental.

Os feitos procesados refírense á localización de cebos envelenados en terreos da parroquia mosense de Louredo. Neste espazo de terreo,  dedicado a unha explotación cinexética, tamén se denunciaron e atoparon animais mortos desde fai máis dun ano. A Garda Civil recolleu varios cadáveres, cuxas autopsias confirmaron o falecemento dos mesmos por envelenamento.

A operación arrincou a finais do ano pasado grazas á alerta de varias persoas que advertiron á Garda Civil sobre o posible uso dalgún tipo de veleno na zona. Estes cidadáns sufriron, nalgúns casos, a perda dos seus propios animais de compañía e as análises realizadas a título particular en clínicas privadas, confluían nunha mesma causa.

A investigación posibilitou o traballo de campo que se desenvolveu durante varias semanas na parroquia de Louredo. A Garda Civil despregou no terreo os medios humanos e técnicos necesarios e, aínda que o resultado da operación é froito do traballo coordinado e conxunto coa colaboración dos axentes do Servizo de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia, cabe destacar o papel fundamental dos canes do Equipo Cinolóxico, que se desprazaron especificamente desde a súa base en Madrid. Foi un destes cans o que conseguiu localizar e identificar o rastro do veleno que, supostamente, se empregou para facer os cebos envelenados que se distribuíron pola contorna desta explotación cinexética.

Foron varias as xornadas de rastrexo no monte. O primeiro dos cebos localizados por axentes do Seprona atopouse o 11 de marzo nun biotopo de coello da explotación. Como establece o protocolo, os feitos notificáronse de inmediato ao Servizo de Conservación da Natureza da administración autonómica. Os axentes da Xunta realizaron a toma da mostra, para a súa posterior remisión ao laboratorio do Hospital Veterinario de Lugo.

Cinco días despois atopouse o cadáver dun can en avanzado estado de descomposición, cuxas características físicas correspondían coas dun dos canes desaparecido na zona, segundo denuncia presentada ante a Garda Civil. O  protocolo de traballo coa Xunta cumpriuse ao longo de toda a investigación, sendo persoal da Administración Autonómica o que asumiu a toma de mostras para o seu estudo en laboratorio.

Vinte e catro horas despois da localización do cadáver do animal, produciuse o primeiro avistamento sospeitoso de dúas persoas na zona que circulaban nun coche. Os gardas seguíronlles e, cando os ocupantes do vehículo decatáronse da súa presenza, o que viaxaba como acompañante arroxou pola xanela material posiblemente sensible para a investigación.

Tras identificar a estas dúas persoas atópase no lugar onde minutos antes se lles víu desfacerse de algo, unha lata con seis anacos de carne supostamente envelenados e varios cebos. 

Tamén se rexistrou o vehículo no que circulaban. A custodia, tanto dos cebos como das latas foi asumida tamén pola Xunta.

Nas dúas xornadas seguintes o Seprona recolleu un elevado número de cebos envelenados con anacos de touciño similares aos que se habían aprehendido horas antes na zona. Solicitouse o apoio do Servizo Cinolóxico e trasladáronse desde Madrid dous cans da Unidade Canina de Detección de velenos. Os animais atoparon novos cebos e máis cadáveres. O seu labor foi crucial ao identificar no vehículo dos sospeitosos un rastro de veleno.

Os detidos son D.C.B. e M.M.L., de 29 e 61 anos respectivamente, que foron postos en liberdade coa obrigación de comparecer ante a autoridade xudicial cando sexan requiridos.

A J.T.M., administrador único da empresa cinexética impútaselle un presunto delito de falsidade documental.

9 de abril de 2014 | 18:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.