A gala do I Certame de Canción de Autor en Galego ‘Concello de Teo’ converterase na “festa da música e a palabra”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

O próximo sábado, día 5 de abril, será a gala final do  I Certame de Canción de Autor en galego ‘Concello de Teo’. Desde a Concellaría de Cultura, dirixida por Carme Hermida, animan a calquera persoa interesada a se achegar á xornada decisiva do concurso, que se converterá nunha «festa da música e a palabra». A gran final comezará ás 20 h no Centro Sociocultural da Ramallosa, a carón da Casa do Concello, e o acceso é de balde.

Na gala, os oito finalistas disporán de oito minutos para defenderen a súa actuación, estilo e calidade. Cómpre salientar a gran capacidade de decisión que terá o público, que outorgará os dous accésit que prevé o certame: un ao mellor artista e outro á canción máis orixinal.

Calidade

A concelleira de Cultura destaca “o elevado grao de participación -23 inscritos- e a calidade dos traballos presentados”.  Precisamente, este alto nivel fixo máis difíciles aínda as decisións do xurado para a elección dos oito finalistas: Alba María, Gamy, María Costas, MJ Pérez, Nastasia Zürcher, O Neno Elliot, Sofía Espiñeira e Susana Martínez.

A gala será conducida polo director artístico do certame, o músico Xoán Curiel, e terá unha duración aproximada de dúas horas. Curiel mostra a súa «satisfacción» por que chegar xa a fase final do concurso, que serviu para lles dar unha oportunidade a creadores noveis do noso país.

O I Certame de Canción de Autor en galego ‘Concello de Teo’ está organizado polo propio Concello e conta co patrocinio da Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, de Gadis e conta coas colaboracións de, entre outras entidades, Músicos ao Vivo e a Asociación de apoio aos Músicos Noveis Galegos Amunoga, cafetería A Senra (Pontevea-Teo) e a tenda de música compostelá ‘O Pazo das Musas’ —que achegará os galardóns para esta final—. Para todos eles, o agradecemento de Xoán Curiel, xa que «sen a súa implicación non sería posible organizar este evento».

O director artístico do certame agradece o labor dos membros do xurado, que nas fases anteriores «xa foi moi difícil pola calidade das propostas que se presentaron» e prevé que aínda o sexa máis nesta final. O xurado fórmano por Carme Hermida, concelleira de Cultura do Concello de Teo; Uxía Senlle, unha das artistas galegas máis recoñecidas representando á parte artística; Pepe Cunha, fundador do portal www.abretedeorellas.com en representación da prensa especializada e Montse Rivera, directora de Merlo Branco Produccións representando as industrias culturais.

O premio

O premio ao gañador ou gañadora será, entre outros, a gravación dun disco de oito temas. Para tal fin, contarán co local de Nsaio de Teo, facilitado polo Concello. Ademais, a vencedora ou vencedor disporá dunha serie de concertos e de promoción na prensa. Finalmente, tamén se recolle a posibilidade de dous accésits, un ao mellor artista e outro á canción máis orixinal, ambos outorgados polo público asistente.

2 de abril de 2014 | 19:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.