A Fundación Rodríguez Iglesias acolle a exposición “Galicia nos mapas antigos”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA Coruña
A-
A+
Belén do Campo na visita á Fundación Rodríguez Iglesias

Belén do Campo na visita á Fundación Rodríguez Iglesias

A delegada territorial da Xunta na provincia da Coruña, asiste á exposición “Galicia nos mapas antigos”. A mostra, que fai un repaso aos mapas de Galicia, como unidade diferenciada, pertencentes á colección do etnógrafo e patrón do Museo do Pobo Galego, Clodio González Pérez, poderá visitarse na Fundación Rodríguez Iglesias, da Coruña, ata o vindeiro 16 de maio. No acto, estivo acompañada polo presidente da entidade, Francisco Rodríguez Iglesias, a súa directora, Laura Rodríguez, e o propio Clodio González.

A exposición pretende facer un repaso pola historia da cartografía co obxectivo de analizar como se vai representando Galicia desde o primeiro mapa coñecido ata os comezos da cartografía oficial. Segundo destacou Do Campo, “a mostra non só nos ofrece unha visión do mundo que nos rodea, senón que nos axuda a coñecer os distintos contextos históricos no que se levou a cabo a análise, plasmada artisticamente en follas de papel”.

“Os mapas que se recollen neste percorrido amósannos como ao longo do tempo a realización dos mapas foi cambiando xunto coa evolución das técnicas de produción e o progreso social”, explicou a delegada territorial. Así, neste contexto pódense atopar desde o mapa de Fernando Ojea –Descripción del Reyno de Galizia-, o primeiro no que aparece a representación do noso territorio, pasando pola cartografía de Giacomo Cantelli da Vignola ou de Tomás López, entre outros, para rematar cunha mostra da cartografía oficial.

Neste sentido, a máxima representante do Goberno galego na provincia tivo palabras de agradecemento para Clodio González Pérez, “pola súa aportación e o seu traballo como recompilador da nosa memoria”. Ademais, destacou a labor feita desde o Museo do Pobo Galego, “que alberga grandes tesouros etnográficos, dunha colectividade con intereses comúns e anhelos de posterioridade”. De igual xeito, animou aos responsables da Fundación Rodríguez Iglesias a continuar co seu arduo traballo a prol do fomento e dinamización das artes é a cultura en todas as súas vertentes.

9 de abril de 2014 | 18:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.