A Fundación Deporte Galego patrocina aos equipos de alta competición de Galicia con 1.742.400 euros
Un total de 78 clubs beneficiaranse do Plan de patrocinio dos equipos de alta competición da tempada 2013/2014 da Fundación Deporte Galego, ao que se destinan un total de 1.742.400 euros.
Os 78 patrocinados teñen en común contar con equipos nas competicións de primeiro e segundo nivel en modalidades deportivas nas que, a competición de máximo nivel, se desenvolve na categoría absoluta en sistema de liga regular, á que se accede por clasificación, con ascensos e descensos de categoría, e cun volume de desprazamentos frecuente.
Promocionar o deporte de alta competición en Galicia
O Plan de patrocinio publicitario dos equipos de alta competición de Galicia é un programa da Fundación Deporte Galego que se desenvolve por quinto ano consecutivo e conta cun dobre obxectivo: por unha banda, difundir a actividade e a imaxe fundacional e da Comunidade Autónoma; e, por outra, a promoción do deporte de alta competición en Galicia.
A Fundación Deporte Galego considera que, a indubidable popularidade que acompaña a xogadores e técnicos destes equipos, convérteos en interesantes líderes de opinión sobre todo entre a poboación infantil e xuvenil á hora de emprender campañas institucionais de fomento do deporte e dos hábitos saudables, algo esencial para complementar o Plan Galicia Saudable, programa estratéxico no ámbito deportivo para os próximos anos. Un plan que está permitindo incorporar á base social galega a actividade física de xeito que a súa concorrencia sexa percibida como necesaria e ineludible.











