publicidade hoxe

A Fiscalía considera que o ‘violador do estilete’ debe permanecer en prisión para evitar “risco de reiteración”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoPolSucesos
A-
A+
Europa Press

A Fiscalía considera que Félix Vidal Anido, coñecido como o violador do estilete, debe permanecer en prisión para “evitar o risco de reiteración delituosa”.

Así o sinalou este martes, o fiscal xefe de Lugo, Juan José Begué, que explicou que evitar “a reiteración delituosa” é “un motivo básico e fundamental” para manter a medida de prisión provisional en “casos en que de xeito empírico se ve que alguén pode continuar cometendo delitos”.

Neste caso concreto, o fiscal xefe de Lugo subliñou que, en vista do historial de Vidal Anido, pódese afirmar que “existe un risco de reiteración delituosa”.

Sobre a cualificación xurídica do suposto delito polo que foi enviado de novo a prisión tras ser detido por supostamente asaltar unha muller, Begué avanzou que se barallará un “delito contra a liberdade” por coaccións, que está penado con entre seis meses e tres anos de prisión.

Ademais, o fiscal xefe de Lugo comentou que se se considerase un delito de detención ilegal, estaría penado con entre catro e seis anos de prisión.

Vidal Anido, de 50 anos de idade, saíu o pasado mes de decembro do cárcere de Villabona, en Asturias, tras a anulación da coñecida como doutrina Parot. Foi condenado a 70 anos de prisión por varias violacións, dúas delas, cometidas en Lugo no ano 1987, moi violentas e cumpriu condena durante case 30 anos.

A Policía Nacional volveuno deter o venres pasado en Pol (Lugo) tras a denuncia presentada por unha muller, que dixo aos axentes que o pasado mércores sufriu un intento de agresión sexual cando entraba no seu piso nun edificio de Lugo. A vítima, que foi socorrida polo seu fillo, que oíu os seus berros, identificou posteriormente a Vidal Anido.

15 de abril de 2014 | 17:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.