A Festa Gastronómica dos Callos regresa a Pereiras por segundo ano consecutivo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioMos
A-
A+
Presentación da Festa Gastronómica dos Callos en Pereiras

Presentación da Festa Gastronómica dos Callos en Pereiras

O Torreiro de Festas da Igrexa de Pereiras acolleu hoxe ás 12:00 horas a presentación da 2ª Festa Gastronómica dos Callos de Pereiras. No acto estiveron presentes a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o edil de Deportes, Isidoro Táboas, a concelleira de Educación e Participación Cidadá e natural de dita parroquia, Kely Monzón, -así como outros membros do equipo de goberno local tales coma Óscar Soto e Cándido Pérez-, o ex atleta olímpico Alejandro Gómez e Alejandro Lorenzo, representando á empresa Coren.

A rexedora municipal mosense manifestou na súa intervención un profundo agradecemento á Comisión de Festas polo traballo realizado na organización de eventos festivos coma o desta fin de semana “que permiten manter unidos ós veciños e veciñas non só da parroquia de Pereiras senón do Concello de Mos en xeral”, dixo. Declarou así mesmo o orgullo de que, gracias a festas gastronómicas coma esta, se estea a manter vivo un plato típico e característico da comarca da Louriña: os callos. Por último, rematou as súas palabras cunha merecida mención de agradecemento ó atleta Alejandro Gómez “pola súa presenza e colaboración constantes non só nesta iniciativa, senón en xeral no deporte de Mos”.

Programa

Os actos da programación festiva iniciaranse o sábado 12 de abril a partires das 16:00 horas coa Festa do Motor, que contará coa participación dos pilotos Miguel Ángel García “Maki Sport”, o campión de Galicia de Montaña Rodrigo Rodríguez “Caixas”, o campión de España de Rallys Copa Suzuki Swift 2012 Pablo Pazó Figueroa, e o sub campión de España de Rallys Alberto Meiras, e ás 21:00 horas realizarase unha exhibición de Karts. Xa a partires das 23:00 horas amenizarase a noite cun concerto a cargo do grupo dos 80 “Los Limones”, seguido dunha festa con sesión discoteca a cargo dos Dj’s DJ Sio e DJ Marcos Xquatro.

Xa o propio domingo, día 13, ás 10:00 horas celebrarase unha Ruta Moteira turística polo Baixo Miño e o Val Miñor, e ás 10:30 comezará a 1ª Carreira Popular Festa dos Callos, que contará co periodista deportivo Pipi Estrada e o ex atleta olímpico Alejandro Gómez para dar o pistoletazo de saída. A data de hoxe a carreira conta cun total de 350 inscritos dos cales 200 son nenos, e 150 adultos. Os adultos realizarán un percorrido de 10 quilómetros pasando por tódolos barrios da parroquia de Pereiras e adentrándose tamén un pouco en Petelos. Pola súa banda, os cativos correrán distancias de entre 150 metros e 1,5 quilómetros dependendo das súas idades.

O atleta e responsable da organización da carreira, Alejandro Gómez, declaraba durante a presentación desta mañá a súa satisfacción coa elevada participación infantil neste evento deportivo e coa bonita combinación resultante de unir deporte con gastronomía e mundo do motor.

A Ruta Moteira turística polo Baixo Miño e o Val Miñor partirá de Pereiras e irá por Pontellas, Chenlo, subida ó monte Aloia, estrada de San Antoíño, centro de Gondomar e, como colofón final, visita a unha importante colección privada para regresar despois á Festa Gastronómica dos Callos. Neste percorrido participarán diferentes tipos de motos, incluídas as de dous tempos e Vespas.

Ás 13:00 horas comezará a degustación dos callos e ás 13:30 horas Pipi Estrada, periodista deportivo, dará o pregón deste ano.

A previsión de consumo de racións de callos durante o domingo ascende a 3.000, para cuxa elaboración empregaranse un total de 1.200 quilos de produto; dos cales 300 quilos serán de ventre, 160 quilos de pata, 50 quilos de lacón, 60 quilos de chourizo, ademais de garbanzos, sofrito e auga. A ración para degustar na propia festa terá un prezo de 6 euros e inclúe a tapa de callos, pan, viño e a cunca de agasallo. Os que queiran levar a ración de callos para comer na casa poderán adquirila por tan só 4 euros (só os callos). Se a demanda superase as 3.000 racións previstas, dende a organización preparían máis e continuarían servindo, posto que esta é unha posibilidade coa que xa contan e para a que están preparados.

10 de abril de 2014 | 20:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.