A Festa do Boi de Allariz potenciará o seu carácter histórico coa recreación do Trato do Boi
A asociación cultural Xan de Arzúa recupera no 2014 un novo feito histórico relacionado coa Festa do Boi: o Trato do Boi. Consiste na recreación teatralizada do trato que, alomenos durante a primeira metade do século XX, se realizaba para dispor de animais para as carreiras. Tradicionalmente utilizábanse bois de traballo, aportados por labregos das aldeas próximas a cambio dunha aportación económica a xeito de aluguer, e este é o feito que se recuperará. Historicamente, o boi que ía na procesión relixiosa do Corpus dende o século XIV era proporcionado polos tablaxeiros (carniceiros e tratantes).
Por primeira vez nos últimos 31 anos os bois que protagonizarán a festa medieval de Allariz procederán do propio concello. Para as carreiras do 2014 utilizaranse catro bois criados nos montes de Penamá dentro dun programa municipal de aproveitamento dos recursos endóxenos e potenciación do medio rural impulsando a economía do sector primario. Para darlle maior realce a esta novidade, o programa festivo aumenta o seu horario e incorpora unha xuntanza veciñal o sábado día 14, con chegada dos bois de Penamá á aldea rehabilitada de San Salvador dos Penedos.
Despois dun xantar campestre, os veciños desprazaranse camiñando á aldea de Paicordeiro, onde se escenificará o Trato do Boi e, dende alí, dirixiranse ó Campo da Barreira, para o inicio do festival didáctico MusicBoi e a Proba do Boi.
Co Trato increméntase a presenza de elementos históricos na celebración actual da festa, que remonta a súa orixe ó ano 1317, cando un Cristián chamado Xan de Arzúa arremeteu a lombos dun boi enmaromado contra os xudeus que facían chanzas da procesión relixiosa do Corpus Christi. Satisfeito polo éxito da súa acción, Xan de Arzúa deixou constituída á súa morte unha fundación para que perpetuase a súa memoria recreando aquela senlleira batalla. Cun pé na lenda, a figura de Xan de Arzúa foi unha presenza histórica documentada na procesión do Corpus (o mesmo que noutras vilas con presenza xudea, como Ourense ou Ribadavia) e o boi pasou a converterse en protagonista trala eliminación, por imperativo legal, dos elementos profanos das celebracións relixiosas.
Ademais do Trato do Boi, a Festa do Boi 2014 revivirá a Entrega do sedeño ós veciños por parte do fiscal, xesto co que se dá autorización para o inicio dos festexos. Será o sábado, día 14. A continuación, o domingo 15, celebrarase a Procesión medieval de Xan de Arzúa, coa participación de máis de 200 veciños, organizados en gremios e autoridades. Seguindo a documentación aportada por estudosos como Xosé Puga Brau e outras referencias históricas, recréase a procesión do ano 1317, na que Xan de Arzúa arremeteu contra os xudeus dando orixe á actual Festa do Boi.
Un grupo de alumnos do colexio público Padre Feijoo e do instituto de Allariz recrearán tamén a orixe da festa cun espectáculo de monicreques que terá lugar o mércores, día 18. E o venres seguinte, 20 de xuño, os gremios volverán ser protagonistas co Acomodo do Xan de Arzúa no balcón da Casa do Concello e a colga da bandeira.
Arredor das actividades de carácter histórico, a festa do 2014 mantén o seu esquema tradicional, con música, citas gastronómicas, actividades específicas para os nenos e carreiras do boi: 18 para adultos e 3 para os rapaces.
A Festa do Boi é organizada, por delegación do Concello de Allariz, pola asociación cultural Xan de Arzúa, de carácter aberto e estruturada en torno a unha asamblea de voluntarios que se encargan da organización das distintas actividades, dende a procesión medieval á recadación de diñeiro porta a porta. A financiación corresponde ós veciños de Allariz, nun xesto máis de implicación cunha tradición fondamente arraigada que recupera o esplendor medieval da vila.
O cartel e o pano da edición do 2014 foron deseñados por Santi de Santiago. A Tenda do Boi estará aberta na rúa do Portelo, pero nunha nova ubicación, a partir desta Semana Santa.











