A Festa da Merenda de Aiazo está camiño de superar o seu récord de visitantes

Festa da Merenda de Aiazo
A novena edición da Festa da Merenda de Aiazo (Frades) vai camiño de superar o seu récord de visitantes, fixado nas 4.000 persoas recibidas na edición de 2012. O tempo acompaña e dende primeira hora da mañá non deixaron de chegar visitantes á área recreativa “Os Pasos”, na parroquia de Aiazo, de xeito que os tres aparcamentos habilitados inicialmente e con capacidade para 900 vehículos enchéronse ata os topes e mesmo houbo que habilitar outras zonas de estacionamento máis alonxadas do campo da festa.
Dende as 12:00 horas, quince cociñeiras se atopan preparando as tradicionais “merendas”, cada unha co seu toque persoal pero todas con ovos, fariña e touciño. A Asociación de Veciños “Os Pasos” de Aiazo ten preparados máis de 200 quilos de fariña, 50 ducias de ovos e máis de 20 quilos de touciño para elaborar algo máis de 1.500 tortillas de masa. Tamara Carreira, voceira da asociación de veciños, explica que “as previsións cumpríronse e o certo é que non agardabamos ter tanta xente tanto no campo da festa como na área recreativa, que está chea ata os topes”.
Ata última hora do hoxe, todos os que se acheguen pola área recreativa “Os Pasos” poderán degustar de balde estas merendas. Para colaborar coa festa, a organización puxo á venda por 1 euro un pano vermello conmemorativo. Ademais, quen desexase levar algunha merenda a casa dispuña de caixas especiais para facelo, ao prezo de 3 euros (ou 5 euros por dúas merendas). Durante a mañá, a música correu a cargo da Banda da A.C. Amigos da Música de Ordes, unha actuación “gañada” pola asociación de veciños de Aiazo nun sorteo co gallo do aniversario da formación ordense.
O relevo tomouno o home orquestra Cé Orquestra Pantasma, que ademais se encargou de animar o xantar das máis de 500 persoas que enchían o espazo dunha polbeira do Carballiño, que non deixou de sacar racións de poblo e churrasco dende as 13:00 horas. Era tal a afluencia que o tempo de espera medio por unha mesa superaba a media hora.
A estas horas estase celebrando a Foliada da Merenda, coa participación das agrupacións folclóricas Rexente (Ponte Carreira -Frades), As Sobreiras do Ulla (Touro), Leirabuxo (Melide), Tabernícolas de Compostela e as Pandereteiras das Encrobas (Cerceda). A agrupación local, Sarillo (Aiazo), pechará a xornada logo da súa exitosa actuación no programa “Luar” da TVG o pasado venres. Ás 18:30 horas comezará unha gran verbena a cargo das orquestras París de Noia e Ciclón, que se estenderá ata ben entrada a madrugada e que axudará a bo seguro a atraer máis visitantes durante a tarde/noite de hoxe que permitan superar o récord de 2012.











