publicidade hoxe

A Festa da Merenda de Aiazo agarda superar os 4.000 visitantes e repartir máis de 1.500 tortillas de masa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioFradesLocal Portada
A-
A+

Xa está todo listo na área recreativa “Os Pasos”, na parroquia de Aiazo (Frades), para acoller este domingo 13 de abril aos milleiros de visitantes que se achegarán á IX Festa da Merenda de Aiazo. “As previsións de bo tempo unido a que xa temos todas as mesas da área recreativa reservadas e aínda seguen chegado peticións fai que teñamos en mente superar incluso o récord dos 4.000 visitantes que recibimos hai dous anos”, explica Tamara Carreira, coordinadora da Festa.

A Asociación de Veciños “Os Pasos” de Aiazo xa ten preparados máis de 200 quilos de fariña, 50 ducias de ovos e máis de 20 quilos de touciño para elaborar as populares tortillas de masa, coñecidas nesta comarca como “merendas”. “Contaremos con 15 cociñeiras traballando con relevos durante todo o día e que farán máis de 1.500 merendas”, sinala Tamara Carreira, quen adianta que “tamén teremos algún que outro cociñeiro e durante a tarde incluso haberá un momento no que teñamos a 15 homes traballando”.

Merendas para levar

A IX Festa da Merenda de Aiazo dará comezo ás 12:00 horas na área recreativa “Os Pasos”, na parroquia de Aiazo (Frades). Dende esa hora e ata o remate da festa poderanse degustar de balde as tortillas de masa. Iso si, a organización tamén ofrecerá a posibilidade de facer merendas por encarga e para levar, en caixas de pizza preparadas para a ocasión. Neste caso, as merendas para levar terán un prezo de 3 euros (ou 5 euros, dúas merendas).

A música acompañará aos festeiros dende as 12:30 horas, momento da actuación da Banda da A.C. Amigos da Música de Ordes, que dará paso ao home orquestra Cé Orquestra Pantasma. A partir das 15:00 horas terá lugar a Foliada da Merenda, coa participación das agrupacións folclóricas Sarillo (Aiazo), Rexente (Ponte Carreira -Frades), As Sobreiras do Ulla (Touro), Leirabuxo (Melide), Tabernícolas de Compostela e as Pandereteiras das Encrobas (Cerceda). Ás 18:30 horas comezará unha gran verbena a cargo das orquestras París de Noia e Ciclón, que se estenderá ata ben entrada a madrugada.

Na que será a súa primeira edición á fronte da Festa da Merenda, Tamara Carreira convida a todos os veciños e veciños da contorna a achegarse a coñecer “unha festa que non ten comparación con ningunha outra, cun produto propio e saboroso, con boa música e nun espazo privilexiado como é a área recreativa de Aiazo, ás beiras do río Tambre”. Así mesmo, confirma que haberá varias fincas habilitadas para aparcadoiro.

11 de abril de 2014 | 16:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.