A Feira Medieval prepárase nos Mercados de Monforte
Mercados de Monforte quere contribuír a reforzar a promoción da Feira Medieval, motivo polo que os mercados que se celebrarán en abril xirarán arredor da temática medieval.
Este sábado os veciños e veciñas terán a oportunidade de visitar un singular mercado que transformará a Praza nun gran obradoiro no que se poderán preparar e asesorar para a Feira Medieval.
Alí contarán con toda a información sobre a Feira Medieval, as súas actividades e como participar nos diversos concursos promovidos polo Concello. Tamén recibirán asesoramento sobre como vestirse para a ocasión, peitearse, elixir as xoias máis axeitadas ou decorar a casa ou o negocio.
A empresa monfortina Imaxinatia encargarase dos obradoiros de estandartes e pendóns, Retales Merce ofrecerá asesoramento sobre como confeccionar o traxe medieval e poñerá á venda variados modelos de vestimenta, Xoiería Álvarez achegará a bixutería que mellor combina co medievo, e Mundo Fogar ofrecerá todo tipo de telas para decorar casas e negocios.
O mercado Obradoiro Medieval ofréceche este sábado, de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas, a mellor oportunidade para prepararte de cara a unha das celebracións festivas monfortinas máis concorridas pola veciñanza e os visitantes.











