A Federación Catalá de Deportes de Persoas con Discapacidade Física visita o centro en Lugo de COGAMI
O martes, 15 de abril, ás 10:30 horas, o responsable de promoción da Federació Catalana d´Esports de persones amb Discapacitat Física (FCEDF), Diego Lozano Carro, vai acudir ao centro de recursos que a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) ten en Lugo (rúa da Luz, nº4, polígono de Fingoi).
Durante a visita, Diego Lozano compartirá experiencias dos deportes adaptados coas 15 persoas usuarias da aula ocupacional de novas tecnoloxías para persoas con grande discapacidade. Lozano ofrecerá unha xornada de deporte adaptado de boccia e slalom, na que participarán as persoas usuarias de Fingoi.
A boccia é unha actividade deportiva na que participan persoas en cadeira de rodas con grande discapacidade física. A competición consiste en lanzar seis bolas co fin de que queden o máis cerca posible dunha bola branca. É posible utilizar un cano ou apoiarse nin asistente para efectuar os lanzamentos.
O slalom consiste en ter que superar obstáculos cunha cadeira de rodas que pode ser tanto manual como a motor, co que a persoa que participa terá que xirar, cambiar de dirección, subir ramplas sen derribar os obstáculos que encontre durante o percorrido.
COGAMI e FCEDF son entidades membro do Consello Asesor da Fundación Grupo Develop.











