A estación de viticultura e enoloxía de Galicia favorece a transmisión de coñecementos ao sector

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseRibadavia
A-
A+
Rosa Quintana na clausura das xornadas

Rosa Quintana na clausura das xornadas

A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe o importante papel da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) no eido da investigación, o desenvolvemento e a innovación, así como na transferencia de coñecementos cara a viticultura galega. Foi en Ribadavia, na clausura dunha xornada sobre manexo do solo e fertilización do viñedo organizada pola Evega co apoio do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro e na que se puxo de manifesto a necesidade da posta en valor, na práctica, dos esforzos dos investigadores neste sector.

Rosa Quintana indicou que a Evega asume así o compromiso de converterse “nun centro no centro do sector, que axilice a transferencia de coñecementos” cara a viticultura da nosa Comunidade.

A conselleira sinalou que este compromiso materialízase tamén nunha aposta pola calidade e dixo que a unión entre o sector, a Administración e os investigadores vai na liña de “conseguir que a viticultura galega siga a ter a calidade que a caracteriza e sexa ademais sustentable, tanto medioambiental como economicamente”.

A titular de Medio Rural e Mar afirmou que estas xornadas son necesarias porque “poñen en concordancia por unha banda as novas tecnoloxías e os resultados das últimas investigacións e, pola outra, a experiencia práctica do sector”.

En relación coa temática concreta destas xornadas –o manexo do solo e fertilización do viñedo– Rosa Quintana advertiu que a UE promove cambios neste eido, no sentido de fomentar por exemplo un menor uso de insumos agrícolas tales como fertilizantes químicos ou pesticidas. Por iso –engadiu–, “Galicia non pode ser allea a estas suxestións e demandas, se queremos seguir contando cun sector forte e competitivo, capaz de exportar os seus produtos a todo o mundo e de levar os viños galegos ás mellores mesas”.

29 de abril de 2014 | 17:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.