publicidade hoxe

A empresa Intremar de Moraña presenta un proxecto de guindastre sostible

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMorañaPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita a Intremar

Cores Tourís na visita a Intremar

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Moraña para coñecer o proxecto executado pola empresa Intremar Servicios Integrales de Mantemiento S.L. e no que colaborou a Xunta de Galicia a través da iniciativa Conecta-Peme 2013 da Consellería de Economía e Industia.

Nesta visita estivo acompañado pola alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, o xefe territorial da Consellería de Economía e Industria, Ignacio Rial, así como polo xerente da firma, Jaime Lorenzo, a responsable de produción de Intremar, Trinidad Vázquez, e o encargado de planta, Celso Diz.

O delegado territorial puido así coñecer o desenvolvemento dun proxecto que foi executado grazas á colaboración da Consellería de Economía e Industria a través da iniciativa Conecta-Peme. “Neste proxecto colaboraron, como socios, outras tres empresas (Sistemas de Ingeniería Global, Elinco Construcciones Eléctricas e Inxenia Desarrollos Tecnolóxicos) ademais da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo como centro tecnolóxico”, explicou o xerente da firma, quen destacou que, en total, investíronse 1,1 millóns de euros neste prototipo, “dos que o 58% corresponderon ás axudas autonómicas que obtivemos”.

Deste xeito, o proxecto desenvolvido por esta empresa denominouse “Ener-RTG” e permitiu o deseño e cálculo dun prototipo de guindastre portacontedores tipo RTG de mínimo gasto enerxético para pequenas terminais portuarias

En concreto, a iniciativa de Intremar centrouse no desenvolvemento dun guindastre que supuxera unha vantaxe competitiva respecto ás existentes no mercado e que viñera marcada por consumos reducidos e un menor peso, o que repercutiría no seu custo de adquisición e mantemento.

“Con este proxecto tamén buscábamos afianzar a nosa empresa no mercado internacional de guindastres portuarios”, explicou Jaime Lorenzo, quen engadiu que “a maiores, dende a nosa área de I+D+I estamos a apostar, sen dúbida, por un claro obxectivo medioambiental: reducir o consumo de combustibles fósiles para a xeración eléctrica da máquina”.

Lorenzo recordou que o mercado existente para este tipo de guindastre “é global e está en constante crecemento, ao igual que sucede co transporte marítimo. Esta é a razón de que exista unha forte demanda deste tipo de grúas, tanto en países desenvolvidos como nos que se atopan en vías de desenvolvemento, que é, precisamente, o mercado ao que diriximos o noso prototipo”.

Nestes intres, Intremar atópase traballando en novos proxectos de investigación como éa creación dunha luminaria LED alimentada con placas fotovoltaicas “co obxectivo de exportalo a países en desenvolvemento xa que permite unha gran rapidez e un coste reducido, xa que a súa instalación no necesita obra civil e permite iluminar estradas e municipios”.

“Tamén estamos a traballar no desenvolvemento dun proxecto de instalación de placas fotovoltaicas para autoconsumo enerxético”, rematou Jaime Lorenzo.

Intremar Servicios Integrales de Mantenimiento S.L. desenvolve as súas actividades nunha nave situada no polígono de Miraños en Moraña con 1.400 metros cadrados e especializouse en diversos sectores industriais como o naval e portuario, a construción civil de estruturas metálicas, o sector da enxeñería ou o enerxético e das enerxías renovables. A maiores, tamén traballaron coa Autoridade Portuaria de Vigo, ademais de apostar pola internacionalización con exportacións a empresas de Gran Bretaña, Italia e Rumanía.

Cores Tourís aproveitou para recordar que no eido da competitividade, a Consellería de Economía e Industria segue a apostar polos emprendedores tanto a través da Lei do emprendedor como de iniciativas como Conecta-Pimes ou de liñas de axuda do IGAPE. “Galicia é a primeira comunidade en utilizar fondos Feder e fondos propios en materia de innovación en todas as convocatorias europeas e estatais, o que que ven a demostrar a aposta da Xunta pola promoción dos investimentos que poidan xerar riqueza e crear emprego, favorecendo o desenvolvemento equilibrado do territorio, un dos obxectivo básicos do Instituto Galego de Promoción Económica”, matizou o delegado territorial.

8 de abril de 2014 | 17:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.