A empresa “Idades” prestará o servizo de axuda no fogar en Cangas durante o próximo ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+

O pasado venres día 4 de abril a sala de xuntas do concello de Cangas acolleu a celebración da mesa de contratación para a xestión do “Servizo de Axuda no Fogar”, que o concello ven prestando dende o ano 2001.

Durante a celebración da mesa de contratación procedeuse á apertura do “Sobre C” que contén a oferta económica presentada polas catro empresas candidatas á xestión do servizo ( A Carón, Preto de ti, Servital, e Idades).

Tras analizar e valorar as propostas do “Proxecto Técnico” e a “Oferta Económica” de cada empresa a mesa de contración propuxo á Xunta de Goberno Local a adxudicación do contrato á empresa Idades S. L.  que presentou a oferta máis valorada especialmente polos aspectos técnicos nos que se analizou a dotación de persoal, a protocolización ou os programas complementarios, aspectos nos cales a empresa obtivo a máxima puntuación.

O Servizo de Axuda no Fogar consiste na atención sociosanitaria a dependentes, control da medicación, apoio na mobilidade, estimulación cognitiva e física así con tarefas de carácter doméstico relacionadas coa preparación de alimentos , limpeza e mantemento da orde no fogar. Actualmente préstase este servizo a 28 usuarios.

9 de abril de 2014 | 19:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.