A Domus acollerá unha exposición temporal dedicada á cerámica castrexa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello da Coruña, a través da área de Cultura que dirixe Ana Fernández, informa da inauguración, mañá xoves 24 de abril, dunha nova exposición temporal que se poderá visitar na Domus e que estará dedicada á cerámica castrexa.

A cultura que define á Idade do Hierro en Galicia é o que se denominou Cultura Castrexa, nome que ten relación cun tipo de hábitat concreto: o castro. Os máis antigos coñecidos en Galicia datan do século IX a.C, e os máis modernos chegan ata as fases iniciais do século I d.C.

Ao longo de 900 anos, os cambios culturais sufridos polas poboacións da Idade do Hierro tiveron a súa representación nos obxectos usados na vida cotiá. No rexistro arqueolóxico que caracteriza á cultura castrexa, o máis numeroso corresponde á cerámica. A través do estudo de pequenos fragmentos, o arqueólogo pode determinar formas, gusto estético, xerarquización social, xestión do lixo e, en ocasións, usos. Con todo, nos xacementos moi raras veces se aprecian coleccións de pezas enteiras de cerámica.

Esta colección mostra, a través de réplicas, a diversidade de formas, decoracións e usos que se pode apreciar na cerámica castrexa ao longo de 900 anos. E mostra como, a través do estudo de pequenos fragmentos de cerámica, pódense chegar a reconstruír realidades pasadas só visibles a través do discurso arqueolóxico.

A exposición nace como o resultado do proxecto de Investigación e  Recuperación da Cerámica Castrexa en Galicia realizado pola Fundación Terra Termarum. O seu obxectivo é a elaboración dunha colección de réplicas cerámicas castrexas completamente documentadas a nivel arqueolóxico, mantendo as referencias históricas en canto a acabados, texturas, formas e decoracións, permitindo achegar ao público a unha visión máis real das pezas orixinais.

Seleccionáronse as pezas mellor conservadas, das que se coñece a forma máis completa e das que se ten maior información, incluíndo desde as comúns ata as máis decoradas, nunha mostra procedente dos xacementos castrexos que definen os parámetros temporais, territoriais e  tipológicos da cerámica da Idade de Hierro en Galicia.

Entre a colección, algunhas das réplicas mostran cerámicas aparecidas durante as escavacións no Castro de Elviña e na Coruña, onde se documentaron fragmentos de cerámica castrexa. Estas cerámicas son as comprendidas entre os séculos II a.C e I d.C, e inclúen exemplos dos tipos Borneiro, Vigo e Recarea.

Con motivo da exposición celebraranse os seguintes talleres e conferencias.

Talleres

– 24 de maio. Taller experimental de formas e decoracións da cerámica dos castros.

Ciclo de conferencias

– 12 de xuño. Elviña 2013: resultados da campaña de escavación. Fidel Méndez Fernández. Arqueólogo e director das escavacións do Castro de Elviña.

– 19 de xuño. A cerámica común romana no Conventus Lucensis.

– Roberto Bartolomeu Abraira. Investigador da USC.

– Enrique Alcorta Irastorza. Doutor en Historia Antiga.

– 26 de xuño. Noticias desde o extremo Occidente: os ártabros nas fontes greco-latinas. Francisco Javier González. Profesor de Historia da USC.

– 3 de xullo. A vida nun poboado castrexo: unha visión etnoarqueológica. Alfredo González Rubial. Investigador do CSIC.

 

23 de abril de 2014 | 11:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.