A Deputación de Pontevedra investirá 135.000 euros na mellora da estrada de acceso a Pazos, en Ponte Caldelas
A Deputación de Pontevedra investirá 135.000 euros nas obras de mellora da estrada de acceso ó núcleo de Pazos, no Concello de Ponte Caldelas. Así llo confirmou esta mañá o presidente da Administración provincial, Rafael Louzán, ó alcalde desta localidade, Perfecto Rodríguez.
As obras suporán a dotación de nova pavimentación en todo o vial, dunha lonxitude de 400 metros, así como a renovación da rede de recollida de pluviais e a mellora do saneamento.
Neste caso, os traballos consistirán non só na instalación de nova tubaxe, senón na separación de pluviais e fecais, que na actualidade van xuntas en varios puntos.
Durante as obras de ampliación da estrada PO-255 entre Ponte Caldelas e Forzáns, o vial de Pazos foi utilizado para desviar o tráfico, o que fixo que soportase unha alta densidade de circulación, acentuando a deterioración do asfalto, que nestes momentos se atopa en moi mal estado.
Ante esta situación, e despois da visita dos técnicos da Deputación ó lugar, Rafael Louzán confirmoulle ó rexedor local a intención da Administración provincial de impulsar a reparación desta estrada neste exercicio 2014.
Cambio de titularidade
Perfecto Rodríguez e Rafael Louzán tamén analizaron o posible cambio de titularidade desta estrada, unha vez reparada. Ambos os dous dirixentes coinciden en que as características da vía son máis propias dunha estrada local que provincial, porque tanto Louzán como Rodríguez coincidiron en estudar este traspaso.
Neste sentido, cómpre lembrar que se trata dunha estrada plenamente consolidada, que conduce unicamente ó núcleo de Pazos e que conta con numerosas vivendas a ambas marxes da calzada, o que impide o seu ancheamento.
Perfecto Rodríguez amosou a vontade do concello de asumir a titularidade deste vía de comunicación, tendo en conta ademais os beneficios que suporía para os veciños e veciñas da zona, que evitarán así os trámites que agora teñen que realizar ante a Administración provincial para reformas nas súas vivendas.
Reparación de danos dos temporais
Por outra banda, Perfecto Rodríguez tamén lle expuxo ó titular da Deputación a necesidade de colaboración para facer fronte aos numerosos danos que os sucesivos temporais dos últimos meses ocasionaron en diversas pistas e camiños do concello.
Con esta finalidade, a Administración provincial destinará un camión de bacheo a esta localidade, para que sirva de reforzo ós medios do concello e ó persoal que a propia Deputación destina ós concellos para facer fronte a estes e outros traballos urxentes.
O obxectivo é que o camión de bacheo facilite e permita axilizar a reparación das diversas fochancas que dificultan o tránsito por viais municipais.











