A Deputación de Ourense conmemora o 33º aniversario do Estatuto de Autonomía de Galicia

Acto conmemorativo
A Deputación de Ourense conmemorou hoxe o 33º aniversario do Estatuto de Autonomía de Galicia cun acto celebrado no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” no que a institución provincial entregou os premios do I Concurso escolar organizado para homenaxear a norma institucional básica galega, no que participaron o presidente da Deputación provincial, Manuel Baltar; o conselleiro de Educación, Cultura e Educación Universitaria, Xesús Vázquez, e o delegado do goberno en Ourense, Roberto Castro, entre outras autoridades.
Con este acto, o único organizado en Galicia para conmemorar esta efemérides, a Deputación de Ourense quere lembrar neste 33 aniversario do Estatuto de Autonomía para Galicia (Lei Orgánica 1/1981, de 6 de abril), o día histórico que supuxo para a Comunidade Autónoma de Galicia a aprobación da norma que regula o autogoberno da nosa nacionalidade histórica.
A Deputación de Ourense quere con este evento “destacar a importancia e máxima vixencia da Norma Institucional Básica de Galicia, pois o noso estatuto é un modelo que trouxo importantes conquistas en materia de autogoberno e que permite que o pobo galego siga progresando a prol do seu benestar, dentro do marco no que todos temos a obriga de estar que non é outro que a cívica convivencia”, afirmou Manuel Baltar na clausura do acto.
“Pluralismo, concordia e democracia son as tres principais trazas de identidade do Estatuto para Galicia –explicou o presidente provincial, un dos 12 relatores da reforma do Estatuto-, tres argumentos, tres razóns de ser de noso pobo galego, que, por riba de calquera outro interese, temos todos a obriga de defender e respectar, amparados por esta norma de convivencia que hoxe, como en 1981, sigue sendo un referente para o noso pobo”.
Baltar díxolle aos nenos premiados e os profesores e directores dos colexios participantes que esta é “unha edición singular deste premio por ser a primeira de moitas que virán, porque temos celebrar este día cos máis novos posto que eles son a sementeira dos valores de futuro da nosa terra”.
Manuel Baltar subliñou que temos que seguir promovendo e promocionando “a nosa “Carta Magna galega”, pois entre todos lle damos realce e a destacamos con orgullo porque fixa o noso marco de convivencia”.
Pola súa banda, Xesús Vázquez agradeceu “o esforzo e traballo dos alumnos participantes neste concurso que serve, como o Estatuto, de espazo de diálogo e punto de encontro para todos nós, porque é un exemplo de realismo e consenso”.
Premiados
O xurado do I Concurso escolar sobre o Estatuto de Autonomía de Galicia premiou traballos de Educación Infantil, Primaria e Secundaria dos colexios da provincia de Ourense que se presentaron o certame, resultando gañadores alumnos dos colexios Padre Feijoo-Zorelle e Mestre Vide.
Nas modalidades de Educación Infantil e Primaria presentáronse debuxos e traballos artísticos alusivos aos temas do Estatuto de Autonomía de Galicia e os premiados foron: Adrián Garrido Pérez, Noa Rodríguez Calviño, Silvia Iglesias Silva, Gema da Rocha Casas, Pablo Rodríguez Valdonedo e Alicia Conde Freire. Na modalidade de ensino Secundario presentáronse a concurso redaccións sobre o Estatuto de Autonomía de Galicia, e os premiados foron: Pablo Rodríguez Iglesias e Víctor Rodríguez Fernández.
O xurado resaltou a alta calidade dos traballos presentados e, en particular, o elevado grao de participación nos traballos artísticos de Educación Infantil e Primaria.
Ademais dos centros gañadores, entregáronse diplomas acreditativos os demais colexios participantes: CEIP de Baltar, Colexio “Irmáns Villar”, CEIP de Os Blancos, Colexio de Primaria “Concepción Arenal e CEIP de Educación Especial do Pino. O acto deu comezo coa interpretación por parte de Marco Foxo, gaiteiro solista da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, da “Alborada de Ourense”, e rematou coa interpretación do Himno Galego por parte de todos os asistentes.











