publicidade hoxe

A Deputación de Lugo dota cun parque biosaudable e infantil a unha parroquia de Guitiriz cunha axuda de 12.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGuitirizLugo
A-
A+

O Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, e a Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, deron conta este luns en Guitiriz do remate de novas actuacións en mellora das dotacións públicas no rural. Trátase da construción do primeiro parque biosaudable e infantil co que conta a parroquia de Pígara grazas a unha axuda da Deputación de 12.000 euros. Sitúase á beira do Camiño Norte e conta cunha decena de aparellos para maiores e nenos (bicicleta estática, timón, remo, esquí de fondo, xogos para cativos…).

Uns 500 veciños viven neste núcleo rural guitiricense, dos que o 30% teñen máis de 65 anos e o 11% menos de 16. Trátase dunha parroquia tradicionalmente marxinada pola ausencia de servizos públicos, como o alumeado público co que non contaron ata o ano 2005, ou o feito de que na actualidade os nenos de Primaria teñan que desprazarse ata Baamonde para ir ó colexio e os de Secundaria a Rábade, Concello do que tamén depende o servizo de correos.

Esta non é a primeira axuda que a institución luguesa destina a esta zona do rural guitiricense, xa que dentro da súa aposta pola defensa do rural, a Deputación concedeu outra axuda de 12.000 euros para mellorar en Pígara o acceso ó lugar de Bimiero, posto que moitos veciños desta zona tiñan problemas para acceder ás súas casas.

36.000 euros este ano

A dotación do primeiro parque biosaudable e infantil de Pígara enmárcase no Plan de Comunidades Veciñais 2013. Mediante esta programación, a Deputación achegou un total de 36.000 euros a servizos públicos no rural de Guitiriz, posto que tamén mellorou accesos en Moeiro, Vilariño e Xestoselo.

7 de abril de 2014 | 13:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.