A Deputación da Coruña presenta un novo proxecto de turismo activo, a Ruta Conserveira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Deputación da Coruña ten organizada para o próximo xoves unha xornada de presentación da Ruta Conserveira que comezará a funcionar nas próximas datas tanto no Barbanza como nas contornas de Ferrolterra, Eume, Ortegal e a Costa da Morte.

Para iso, porá en marcha un percorrido no que participarán xornalistas, empresarios, alcaldes e representantes do sector turístico do Barbanza e que comezará ás 10 da mañá en Boiro. Todos os participantes terán a ocasión de visitar diferentes empresas tanto en Boiro como A Pobra ou Ribeira para coñecer cal será o sentido da Ruta Conserveira, que non é outro que poñer en valor unha tradición centenaria na provincia.

A visita, na que participará unha persoa encargada de ofrecer información acerca de todo o percorrido, concluirá no Centro Cultural Lustres Rivas de Ribeira. Alí, o presidente da Deputación, Diego Calvo, explicaralles aos asistentes as características do proxecto, unha nova aposta pola promoción do Turismo Industrial na provincial e que se suma á Ruta da Construción Naval que funciona xa dende hai dous anos en Ferrol.

Durante a súa intervención, Calvo tamén falará do Congreso Europeo de Turismo Industrial-Crossroads of Europe que terá lugar no mes de xuño en Ferrol.

9 de abril de 2014 | 16:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.