A Deputación da Coruña pon en marcha o II circuito BTT-XC de ciclismo
Seis probas de ciclismo de montaña, todas as que forman parte do calendario oficial da Federación, incluiranse este ano no II Circuíto Deputación da Coruña de BTT-XC que comezará este domingo en Arteixo.
O presidente da institución provincial, Diego Calvo, presentou esta mañá a proba xunto ao presidente da Federación Galega de Ciclismo, Manuel Tallón, e máis a vicepresidenta provincial, Mariel Padín, Francisco Lens e Ricardo Terceiro, vicepresidente e xerente da Federación, respectivamente. Asistiron ademais representantes dos clubs ciclistas responsables da organización das distintas carreiras.
Durante o acto, Calvo salientou os bos resultados obtidos no circuíto o ano pasado, cunha media de participación de entre 150 e 180 ciclistas por proba. Ademais, explicou os motivos que levaron á Deputación a poñer en marcha esta iniciativa.
“En primeiro lugar, para dar resposta a unha demanda dos clubs, pero tamén porque cremos que é necesario unificar nun único premio provincial todas as probas oficiais que se celebran,como un aliciente máis para os deportistas”, avanzou o titular provincial, que asegurou que “o que comezou coma un proxecto piloto será xa unha proba máis dentro do calendario deportivo anual”.
Co fin de colaborar na organización das probas, a cargo dos clubs ciclistas da provincia, a Deputación achega un total de 4.800 euros á Federación Galega, que será a encargada de realizar o reparto.
O presidente da Federación, Manuel Tallón, agradeceu a implicación da institución provincial na promoción do ciclismo, e citou tanto a posta en marcha deste circuíto como a colaboración na Volta Ciclista á Provincia ou a sinalización de estradas como Vías prioritarias para ciclistas.”Oxalá renda o exemplo en toda Galicia”, chegou a dicir o portavoz.
En canto conclúan as probas, desde a Deputación organizarase unha gala de entrega de premios na que se dará un trofeo aos gañadores de cada categoría, Para iso, tense establecido un baremo de puntuacións consistente na acumulación de puntos segundo a clasificación en cada unha das probas, que se dividen en categorías segundo a idade dos participantes.
As competicións están abertas tanto a ciclistas federados como non federados, aínda que estes últimos deberán contratar un seguro para o día de desenvolvemento da carreira. Todos os interesados en participar deberán inscribirse antes do xoves inmediatamente anterior á disputa da proba.
As probas incluídas no II Circuíto Provincial de BTT-XC son as seguintes:
IX Trofeo BTT Concello de Arteixo (27/4/2014). Organiza C.C. Arteixo-MB3
II Trofeo Concello de Dumbría (11/5/2014). Organiza CC. Dumbría
XIV Gran Premio Concello de Cambre (31/5/2014). Organiza CC Cambre
I Open XC Montefaro (Mugardos) (7/6/2014). Organiza Club do Mar de Mugardos.
III Trofeo Castro Barbudo (Rianxo) (14/6/2014). Organiza P.C. Castro Barbudo.
III Gran Premio Concello de Oleiros (21/6/2014). Organiza C.C. Cambre











