A Delegación en Vigo do ICOIIG organiza un curso de introdución á figura do mediador

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Vigo ▼
A-
A+

A Delegación en Vigo do Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG), en colaboración coa Escola Europea de Líderes, organiza un Curso de Introdución á Mediación, que terá lugar o vindeiro mércores 30 de abril na sede da Delegación (avenida Camelias, 2. Entreplanta), entre as 19.30 e as 21:00 horas. A participación é libre e gratuíta.

O curso será impartido por Mercedes Vidal Muiños, experta en mediación e resolución de conflitos con máis de 15 anos de experiencia no campo da dirección de equipos e a formación. Vidal Muiños é profesional certificada da Asociación Internacional de Coaching (AIC), directora en Pontevedra da Escola Europea de Líderes e profesora na UNED de Pontevedra para a Certificación en Coaching.

Resolución de conflitos

Vidal Muiños dará a coñecer a mediación, unha fórmula de resolución de conflitos civís e mercantís que se atopa en vías de expansión en España e que xa é unha realidade contrastada en moitos países da Unión Europea e noutros como Estados Unidos, Australia ou Nova Zelandia. A mediación é un medio de solución de controversias no que dúas ou máis partes tentan alcanzar por si mesmas un acordo coa intervención dun mediador (coas excepcións da mediación penal, a mediación laboral, a mediación en materia de consumo e a mediación coas Administracións Públicas).

No caso de España, a mediación está desenvolvida pola Lei 5/2012, que traspón unha Directiva da Unión Europea de 2008, e que especifica que calquera persoa pode ser mediador, sempre que estea en posesión dun título oficial universitario (ou de formación profesional superior) e curse formación específica para exercer a mediación. Os únicos requisitos son subscribir un seguro ou garantía equivalente que cubra a Responsabilidade Civil derivada da súa actuación nos conflitos en que interveña e acharse en pleno exercicio dos seus dereitos civís.

24 de abril de 2014 | 13:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.