A D.O. Ribeiro presenta con éxito en Alimentaria 2014 máis de 40 viños
A pasada semana celebrouse en Barcelona o Salón Internacional de Alimentación y Bebidas, Alimentaria 2014, que tivo lugar no Recinto Gran Vía do 31 de marzo ao 3 de abril. A el, só tiñan acceso os profesionais e prescriptores do mundo da alimentación e bebidas.
Un ano máis, o Consello Regulador da D.O. Ribeiro acude a esta cita bienal de carácter internacional participando como expositor nun dos eventos de referencia para o sector do viño e alimentación, na que se reúnen prensa e axentes de mercado non só españois, senón a nivel internacional, como Suecia, Holanda, Alemania, Estados Unidos ou Japón, entre outros.
Deste xeito, o C.R.D.O. Ribeiro dispuxo dun stand propio na feira con espazos para as adegas Eduardo Peña, Viña Costeira, Lagar do Meréns, Señorío de Beade, Terra do Castelo, Coto de Gomariz, Casal de Armán e Viña Mein, onde entre todos presentaron ao público visitante máis de 40 referencias de viños entre brancos, tintos e tostados. Este contexto constitúe unha importante oportunidade de promoción e de expansión para as adegas do Ribeiro que, como en anteriores edicións, participan como expositoras no pavillón dedicado ao viño, INTERVIN.
Esta feira, que celebrou a súa 20ª edición e está amplamente consolidada no sector, conta cun formato exclusivo para profesionais. Constitúe unha cita de interese para todas as adegas, interesadas en amosar os seus produtos aos visitantes, cuxo perfil se centra na distribución alimentaria en xeral, importación de bebidas e outros alimentos, cadeas e centrais de compra, restauración, tendas especializadas e operadores do sistema alimentario.
Rexistrando en 2014 a cifra de 140.000 visitantes profesionais chegados de 140 países, e alcanzando os 95.000m2 de exposición, con 3.800 expositores nacionais e internacionais, Alimentaria 2014 superou o éxito de edicións pasadas.











