A Corporación de Cambre agradece o labor aos Seivane pola súa “fábrica de soños”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambre
A-
A+
Recepción á familia Seivane

Recepción á familia Seivane

O alcalde de Cambre, Manuel Rivas, e varios concelleiros da corporación recibiron hoxe no salón de plenos á familia Seivane despois de que o Ministerio de Industria galardoase ao seu Obradoiro de Gaitas co Premio Nacional de Artesanía. Rivas destacou o apelido Seivane como ”unha marca internacional recoñecida de prestixio e que como é evidente é uns dos activos máis importantes doutra marca, a marca CAMBRE. Cambre é coñecido en moitas partes do mundo pola vosa fábrica de soños que ademáis se sitúa nunha pequena parroquia que coñezo ben porque nacín nela”, apuntou.

Doutra banda, lembrou a figura do patriarca e creador da fábrica de gaitas. Xosé Seivane, que, segundo Rivas, “dedicou a súa vida a mellorar o son da nosa terra. O mundo da música, o mundo da gaita e en definitiva o mundo da cultura galega débelle moito a Xosé Seivane e á súa familia”. O primeiro edil destacou o labor empresarial, do obradoiro de Cecebre e dun apelido que “fixo moito pola música, pola cultura galega e desde logo por Cambre”.

Rivas asegurou que a excelencia no campo da artesanía, a innovación e a capacidade de adaptarse ao mercado actual propiciaron que obteña a distinción nacional. Así mesmo, lembrou que no pasado pleno ordinario a Corporación Municipal aprobou por unanimidade a apertura dun expediente, para instar á Xunta a conceder a Medalla de Ouro de Galicia ao obradoiro Seivane. “sabede que todos os cambreses pedirán esta medalla porque é de xustiza que vola concedan”, sentenciou. Pola súa banda, Alvaro e Xosé Seivane, fillos de Xosé Seivane, o fundador do obradoiro, recibiron uns obsequios da Corporación e agradeceron a recepción oficial.

30 de abril de 2014 | 19:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.