A corporación da Laracha acorda por unanimidade implantar a zona azul gratuíta na avenida Fisterra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

A Corporación municipal da Laracha reuniuse hoxe nunha sesión extraordinaria do Pleno na que o punto más destacado da orde do día foi o acordo unánime da modificación da ordenanza municipal sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade viaria que permitirá a implantación da zona azul gratuíta no tramo urbano da avenida Fisterra entre os seus puntos de confluencia coas rúas Mestre Baldomero Fraile e Coruña.

Trátase da aprobación inicial do novo texto da ordenanza, que agora será publicado no Boletín Oficial da Provincia (BOP), abríndose un período de exposición pública dun mes antes de ser elevado a definitivo. Por tanto, previsiblemente a zona azul gratuíta poderá establecerse durante o verán.

Deste xeito restrinxirase o estacionamento dos vehículos de luns a venres e en horario de mañá (de 9.00 a 15.30 horas), sendo de noventa minutos o límite para aparcar. A medida non afectará aos automóbiles acreditados coas tarxetas de mobilidade reducida.

José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, explicou que o goberno local elevou ao Pleno esta proposta “tras comprobar que durante ese horario hai un movemento importante tanto a nivel comercial como de persoas que acoden aos propios edificios municipais e ás entidades bancarias”, polo que estima necesario “que se vaian renovando as prazas de estacionamento con fluidez na avenida Fisterra”, máis tendo en conta que “hai outras vías próximas con áreas de aparcamento dispoñibles nas que non se produce esta situación”.

Subvencións nominativas ás Comisións de Festas

Cos votos a favor do grupo de goberno (PP) e as abstencións dos grupos dos nacionalistas (BNG) e socialistas (PSOE), aprobouse a modificación nas bases da execución dos orzamentos xerais que posibilitará outorgar as axudas municipais ás trece Comisións de festas como subvencións nominativas. Ata o de agora requiríase que cada agrupación presentase unha solicitude no prazo determinado pola convocatoria do programa, existindo a problemática de que nese momento non todas estivesen constituídas.

Isto tamén implicará que a cantidade que se destinará a cada Comisión de festas se estableza xa á hora de elaborar os orzamentos xerais municipais, sabendo a principios de ano o que lle corresponde a cada unha e mesmo abríndose a posibilidade de que poidan dispoñer da metade desa cantidade antes de que se realicen os programas festivos, o que suporá unha importante axuda na súa organización.

Os criterios de valoración á hora de fixar o importe das axudas ás Comisións de festas será o poboación de cada parroquia e o número de eventos e xornadas festivas que teñen previsto desenvolver.

López Varela lembrou que neste ano se reduce nun 25% a aportación municipal, pero que aínda así se destinarán 26.900 euros para subvencionar as festas patronais das trece parroquias do municipio.

Sección turismo FEGAMP

Os tres grupos con representación na Corporación municipal volveron a estar de acordo en que o Concello da Laracha solicite á Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) adherirse á nova sección de concellos con intereses turísticos creada por esta entidade.

O grupo de traballo no que se integrará o Concello da Laracha será o que englobará aos municipios que contan con festas declaradas de interese turístico, tal e como é o caso da Romaría dos Milagres de Caión, que se celebra cada 8 de setembro.

Son obxectivos da nova sección creada pola FEGAMP o fomento e a defensa dos intereses dos concellos integrados no ámbito da mesma por medio do desenvolvemento de toda clase de accións tendentes á promoción de actividades e accións turísticas, organización de xornadas técnicas e informativas sobre cuestións que afectan ao sector, propiciar a colaboración entre organizacións similares e elevar propostas á propia FEGAMP, Xunta de Galicia ou ao Goberno do Estado en materia turística.

Formar parte da nova sección de turismo da FEGAMP permitirá ao Concello da Laracha potenciar e publicitar os seus diferentes recursos turísticos, abrindo novas vías para atraer a un maior número de visitantes.

Sorteo mesas electorais

Por último, realizouse o sorteo dos membros das mesas electorais para as comicios ao Parlamento Europeo que se celebrarán o vindeiro día 25 de maio.

28 de abril de 2014 | 19:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.