A contadora Charo Pita será a encargada de amenizar a sesión de Bebeteca infantil en Cambados
O vindeiro sábado, ás 12 horas do mediodía, o Concello presenta unha nova motivación para gozar coa lectura e mais cos libros. A actividade convértese nunha homenaxe ás nais, na véspera do seu día, e consiste nunha sesión de bebeteca sensorial da man da experimentada contadora de historias Charo Pita. Vaise celebrar na biblioteca Casa dos Fraga, e chega a través do programa Ler Conta Moito da consellería de Educación e Cultura da Xunta.
Palabras, trabalinguas, historias, algún silencio, libros, xogos co corpo, cancións arrolantes, sons sorprendentes, e todo un triquitraque (ou un traquetriqui) para que -na biblioteca- os que dormen no berce tamén poidan gozar coas historias no colo daquelas (e daqueles) que ben os queren.
Dada a singularidade deste contacontos para bebés, recoméndase inscribirse previamente dado que as prazas limítanse, para un mellor desenvolvemento da actividade, a 25-30 bebés de 0 a 3 anos (preferentemente) acompañados dun adulto. Xa se cubriron máis da metade das prazas, así que os interesados poden aínda achegarse pola biblioteca municipal ou chamar ao 986 520008 para participar.
Volandeira
O mesmo sábado, ás 22 horas, o grupo folclórico cambadés Volandeira organiza unha gala-festival que estaba previsto celebrar no Auditorio Municipal da Xuventude pero, finalmente, vaise realizar no salón de congresos José Peña por decisión do antedito grupo.
Espectáculo suspendido
Por outra banda, o espectáculo musical La Bola de Cristal, do transformista vigués Cristian de Samil, que se ía celebrar o domingo no auditorio da Xuventude, queda suspendido por problemas técnicos da compañía organizadora.











