A Confederación Empresarial de Ourense fomenta o emprendemento entre os estudantes
A Confederación Empresarial de Ourense recibe mañá xoves a visita de dous grupos de estudantes procedentes da Escola Profesional Santo Cristo, das ramas Sanitaria e Administrativa. Será en horario de mañá (12:30 h.) e de tarde (17:00 h.) cando se acheguen á sede empresarial para coñecer con detalle como funciona esta organización, os distintos departamentos que a forman e que apoio e asesoramento se presta nela aos futuros empresarios.
Infundir nestes mozos o espírito emprendedor e que coñezan exemplos de éxito dos que levaron a cabo a creación dunha empresa, é outro dos obxectivos destas visitas. Antes de participar nun ameno relatorio sobre estes temas, os participantes tamén percorren as instalacións da ‘Casa dos Gaioso’, un palacete renacentista do século XVI restaurado fai xa 16 anos.











