A Comisión de Seguridade de Carballo acorda solicitarlle á Subdelegación do Goberno que cubra o cadro de persoal da Garda Civil
A Comisión Especial de Seguridade do Concello de Carballo vén de manter unha xuntanza na que se realizou unha valoración da situación no ámbito da seguridade no termo municipal. A principal conclusión da reunión foi que a administración local elaborará un escrito para remitirllo á Subdelegación do Goberno no que se solicitará que se cubran a totalidade dos postos do cadro de persoal do Cuartel da Garda Civil de Carballo, xa que neste momento hai prazas baleiras.
Así se acordou nunha xuntanza de pouco máis dunha hora de duración na que tamén se estudou un informe da Policía Local no que se recollen os datos rexistrados no municipio en materia de seguridade, dende as sancións de tráfico ata os delitos e faltas ou a seguridade viaria. Segundo este informe, os niveis de seguridade cidadá son moi similares aos rexistrados o ano pasado, a excepción de no caso dos roubos con violencia, apartado no que si se ten rexistrado un incremento, en parte debido aos sucesos rexistrados nos últimos tempos. A Comisión Especial de Seguridade estivo presidida polo Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, mais tamén contou coa presenza do Concelleiro de Seguridade e representante do BNG, Xosé Regueira Varela; de José Lado Lamas, polo PP; de Manuel Andrade Cristóbal, por TEGA; de José Antonio Viña Patiño, polo PSOE; e do Xefe da Policía Local de Carballo, Roberto Mosquera Martínez.











