A Comisión de Pleno de Ourense abre o prazo de presentación de emendas á ordenanza reguladora de terrazas de veladores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

O proxecto de nova ordenanza reguladora das terrazas de veladores deu un paso adiante esta mañá coa apertura, por parte da Comisión de Pleno, do período de presentación de emendas. Durante 10 días, os grupos municipais poderán presentar as emendas que estimen oportunas á proposta aprobada pola Xunta de Goberno Local o pasado día 10 de abril. Posteriormente, o documento e as emendas presentaranse a ditame por parte da Comisión de Pleno, e a aprobación inicial, por parte do Pleno do Concello.

A nova ordenanza ten como obxectivo facer compatible os dereitos da cidadanía á utilización do espazo público e os derivados das tradicións culturais, turísticas, e de uso das terrazas de veladores, formúlase a realización dunha ordenanza reguladora. Substituirá á actualmente vixente, que data do ano 1997, adaptándoa á realidade e necesidades actuais.

Segundo establece na súa exposición de motivos, pretende establecer “un marco normativo que permita dar unha resposta o máis adaptada posible ás modalidades de desenvolvemento desta actividade, aos condicionantes e requirimentos actuais, aos aspectos ambientais e de implantación territorial e ao tempo, establecer un criterio de homologación dos elementos constitutivos das terrazas de veladores, coidando os aspectos medio ambientais e os que inciden en evitar molestias aos veciños, a mellora estética, de deseño e de calidade das instalacións para contribuír a unha mellor imaxe urbana”.

Tamén na sesión desta mañá, a Comisión de Pleno ditaminou favorablemente 3 asuntos, que serán presentados a aprobación por parte do Pleno do Concello na súa sesión ordinaria do mes de maio, que terá lugar o venres, día 2. Todos foron ditaminados cos votos favorables do grupo municipal de PSdeG-PSOE e abstención de PP, BNG e DO.

– Proposta de nomeamento de membros do Tribunal Económico Administrativo. Neste caso, a proposta é prorrogar por outro período de 4 anos o nomeamento do Presidente, Vogal e Vogal secretario do Tribunal Económico Administrativo (aprobados para un período de 4 anos por parte do Pleno do Concello de 4 de xuño de 2010) e nomear vogal substituto ao interventor do Concello.

– Aprobación do teito de gasto consolidado do Concello de Ourense e do Consello Municipal de Deportes para o exercicio 2014, aos efectos de dar cumplimento ao artigo 30 da lei orgánica 2/2012, de 27 de abril, de Estabilidade Orzamentaria e Sostenibilidade Finacieira, por un importe de 80.019.112,77 euros.

– Aprobación definitiva da ordenanza fiscal número 22, reguladora da taxa pola prestación do servizo de lonxas, mercado e feiral. Neste caso, desestímase a alegación presentada pola asociación de comerciantes da Praza de Abastos número 1, na que solicitaban modificacións no réxime de tarifas vixente, e se aproba definitivamente a ordenanza.

25 de abril de 2014 | 16:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.