A Comisión das Festas Patronais de Caldas inicia os preparativos para a celebración en agosto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCaldas de Reis
A-
A+

A Comisión de Festas Patronais de Caldas formada por membros do Concello, está a ultimar xa os detalles na programación das festas que se desenvolverán os días 14, 15, 16 e 17 de agosto.

Na súa última reunión fixáronse as actividades principais como as grandes verbenas, a Feira Tradicional ou a xornada dedicada aos máis pequenos.

O Concello, a través das Concellarías de Cultura, Xuventude ou Benestar Social apostará este ano por manter o formato dunhas grandes festas tradicionais  destinadas a todo tipo de público onde terá protagonismo a música, os nenos, a tradición e a participación cidadá.

O día 14 de agosto iniciaranse as festas cunha xornada onde os nenos serán os protagonistas e os días 15 e 16 honrarase aos patróns Sta. María e San Roque con actos relixiosos e lúdicos, todo iso co broche de grandes orquestras do panorama galego. Así mesmo o domingo, día 17, porase en marcha a III Feira Tradicional de Caldas, con actuacións e actividades durante todo o día que darán corpo a unha feira galega co marco incomparable do Xardín e Carballeira de Caldas, e que este ano se presenta como novidade a ampliación no seu horario, tal como demandaban os participantes nas anteriores edicións para poder gozar durante máis tempo as propostas da Feira. A noite será amenizada por unha gran verbena e brillará o ceo caldense co combate de pirotecnia que atrae a miles de cidadáns e visitantes.

O Concello de Caldas manterá o mesmo orzamento que destina ás festas, pero este ano estanse barallando cambios na forma de financiamento a través de donativos, dando preferencia ao impulso e o compromiso que por parte de empresarios, comerciantes e hostaleiros vén realizando e, dado o momento que as familias están a pasar, que a colaboración coas festas patronais non supoña un peso na economía familiar.

20 de abril de 2014 | 10:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.