A Casa da Cultura de Lousame acolle a mostra de fotografía “Imaxes con fondo”, do Fondo Galego de Cooperación
A Casa da Cultura de Lousame acolle ata o vindeiro mércores 30 de abril a exposición de fotografía “Imaxes con fondo”, organizada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade en colaboración coa Concellería de Cultura e Xuventude de Lousame. Trátase dunha mostra deseñada polo debuxante Pepe Carreiro e que está conformada por unha compilación das obras máis significativas presentadas ao concurso de fotografía “Imaxes con Fondo”, celebrado en 2012.
Esta exposición pretende promover a reflexión, o pensamento crítico e un cambio de actitude dentro da nosa sociedade por medio da palabra e da imaxe. Para iso, conta con dezanove paneis que conteñen unha ou varias fotografías acompañadas dun texto de 140 caracteres a través do que se fai unha aposta polas condutas solidarias e respectuosas co entorno e coas persoas que nel habitan. Os paneis tratan diferentes temáticas, como: a solidariedade interxeneracional, o aforro enerxético, o respecto medioambiental, o consumismo da sociedade occidental, a prostitución, a explotación laboral, as iniquidades que xera o modelo de produción actual, a crise alimentaria ou as iniquidades Norte-Sur.











