A Canteira do Celta cultiva éxitos nos grandes torneos de Semana Santa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesVigo
A-
A+

Durante esta pasada Semana Santa, os equipos das categorías inferiores do Real Club Celta participaron en diversos torneos de gran prestixio, convidados como recoñecemento ao espléndido nivel que loce a canteira celeste. Entre os máis máis destacados, a LFP Aspire Challenge, disputado en Qatar, no que o Cadete B se proclamou “Campión Bronce” ou o Trofeo Real Sociedade, con triunfo do Xuvenil celeste.

O Cadete A proclamouse subcampión do trofeo Cesar Augusta de Zaragoza tras vencer nas eliminatorias a Zaragoza e Real Sociedade e caer na final ante o Real Madrid. Tamén alcanzou o segundo posto na copa Coca Cola.

O club tivo tamén representación no prestixioso torneo internacional organizado pola Fundación Real Sociedade, no que o Celta Xuvenil se proclamou vencedor na súa categoría ao superar na final ao Espanyol e nas eliminatorias a equipos como o Fútbol Club Barcelona ou a Real Sociedade.

O Celta Alevín A volveu de Asturias co trofeo que lle acredita como campión da Oviedo Cup 2014 ao vencer na final ao anfitrión, o Real Oviedo. O Alevín B tamén se proclamou campión neste torneo ao superar no partido definitivo ao cadro ovetense.

A participación nestes grandes torneos e os bos resultados cultivados son un referendo ao traballo que vén realizando nas últimas tempadas e un acicate para seguir apostando polo ilusionante proxecto de canteira que comparten club, Fundación Celta e afección.

21 de abril de 2014 | 20:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.