publicidade hoxe

A Cañiza inaugura a I Xornada Gastronómica do Porco Celta Asado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CañizaCalendario
A-
A+

A xornada do 24 de abril comezará a media mañá coa visita á explotación extensiva de porco celta de Petán na Cañiza. Unha vez finalizada, ás 13:30 horas o restaurante O Pozo acollerá a presentación dos produtos de porco celta a cargo dos técnicos veterinarios da Asociación de Porco Celta de Galicia, ASOPORCEL. Nesta presentación os técnicos exporán as calidades da raza porcina Celta, actualmente recoñecida pola calidade cárnica dos seus produtos e reputada polo elevado tecido graso intramuscular. A esta xornada está confirmada a asistencia da Conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana Carballo así como o Delegado Territorial da Xunta de Galicia, José Manuel Cores Tourís, entre outras autoridades.

Por outra banda a Comisión de Festas do Santísimo Cristo da Agonía, tamén en colaboración coa explotación de porco celta da Cañiza e a Asociación de Hostaleiros e Produtores do Xamón da Cañiza ,organizarán durante o segundo fin de semana de maio, días 10 e 11 de maio, a 1ª Xornada Gastronómica do Porco Celta Asado.

Este evento comezará ás 20h00 do sábado 10 de maio na Praza Maior da Vila. A esta hora comezarán a asarse dous porcos procedentes da explotación da Cañiza que se poderán degustar ao día seguinte ao prezo de 5,00 €uros a ración. Asaranse nun proceso lento, durante toda a noite, nunhas grellas fabricadas en exclusiva para este tipo de asado que permite que as carnes manteñan todo o seu xugo.  Para animar o ambiente a partir das 21h00 os máis atrevidos poden subirse ao Karaoke Popular que terá lugar neste mesmo emprazamento.

E ao día seguinte degustación deste exquisito produto a partir das 13h00 ao prezo simbólico de 5 €uros a ración. Todo iso amenizado coa actuación do grupo Alcázar. Ademais durante todo este fin de semana, os restaurantes da Cañiza ofrecerán nos seus menús un especial a base de porco celta con empanada de xamón e chourizo, cochinillo de porco celta, leite frito, viños, cafés e chupitos a 28,00 € a ración.

Con estas novas xornadas gastronómicas A Cañiza pretende completar a oferta culinaria estacional,  ofrecendo outras fórmulas para dar a coñecer o mellor produto da localidade  que  é a carne de porco nas súas diferentes modalidades e que ten como abandeirado o xa recoñecido xamón.

Estas dúas xornadas pasarán a engrosar as ofertas que se abren xa no inverno coa celebración das xornadas da Caza  en xaneiro e a Festa do Lacón con Petelo do mes de febreiro e que culminan no mes de agosto, concretamente o 15 de agosto, coa celebración da 48 edición da Festa do Xamón.

22 de abril de 2014 | 18:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.