A campioa española aboluta de squash Xisela Aranda recibe os parabéns da Deputación de Pontevedra
O presidente da Deputación, Rafael Louzán, acompañado da deputada Begoña Estévez, recibiu á campioa española absoluta de squash, Xisela Aranda, con motivo do seu quinto título consecutivo obtido nesta modalidade o pasado fin de semana en Santiago de Compostela.
A deportista amosouse moi feliz polo éxito acadado e agradeceu o recibimento do organismo provincial xa que supón unha oportunidade “para dar voz a deportes minoritarios como o squash”. Ademais destacou que o último éxito conseguido (o primeiro tralo dende a súa fichaxe por Squash Pontevedra hai 4 meses) non só é importante para ela no que se refire á súa evolución deportiva, senón tamén que é “especial” xa que obtelo por primeira vez en Galicia, a carón dos seus, é motivo de verdadeiro orgullo e satisfacción.
Rafael Louzán resaltou o enorme esforzo tanto da deportista como do club Squash Pontevedra por conseguir un éxito destas características, e sinalou a necesidade de ter máis instalacións para que modalidades coma esta sexan coñecidas e practicadas polo maior número de persoas, ademais de mellorar as condicións deficitarias coas que contan actualmente algunhas instalacións.
O presidente recalcou o obxectivo do organismo provincial de seguir apostando polo deporte como así se fixo a través da construción da piscina olímpica de Ponte Muíños que hoxe conta con 4 pistas de squash para que as vindeiras xeracións de mozos e mozas da provincia sexan quen de “falar coa raqueta” e colectar éxitos como a cinco veces campioa do absoluto de España e nove no ámbito galego.











