A Cámara de Comercio de Vilagarcía mostra a Cores Tourís os programas de apoio á internalización

Cores Tourís na visita a Vilagarcía
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá, en compaña do alcalde de Vilagarcía de Arousa, Tomás Fole, a Cámara de Comercio onde puido coñecer os seus programas Xpande e Innocámaras de apoio á internacionalización e innovación das empresas da comarca arousana.
Na visita, Cores Tourís estivo acompañado do xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial e do presidente do ente cameral, Miguel Falcón.
Precisamente, Falcón explicou ao delegado territorial á importancia destes dous programas que permiten informar, apoiar e colaborar coas empresas de cara a posta en marcha da exportación dos seus produtos e servizos, así como innovar e modernizarse.
No caso de Xpande, o presidente da Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Vilagarcía, explicou ao delegado territorial, que permite informar aos responsables das firmas arousanas en relación á participación no programa “Apoio á Expansión Internacional da Pyme”, financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e a propio ente cameral. “O programa permite á empresa participante”, explicou Falcón, “fomentar e potenciar á internacionalización a través dun asesoramento personalizado, conforme a unha metodoloxía moderna e sustentada en técnicas de intelixencia competitiva”.
Dentro deste programa, “que conta cun orzamento global de 160.000 euros e que se destina á pequenas e medianas empresas, participan, na actualidade, 13 firmas”, explicou o responsable da Cámara de Vilagarcía. “Esta iniciativa está conformada por catro fases: selección de produtos, clientes e mercados; entrada ao mercado; plan de márketing e plan de negocio”, engadiu.
En relación ao segundo programa, Innocámaras, Miguel Falcón explicou que este proxecto púxose en marcha en colaboración co Consello Superior de Cámaras de Comercio e a Xunta de Galicia cun orzamento de case 41.000 euros para o presente ano. “Ten como obxectivo promover á participación das pymes da nosa comarca mediante a integración da innovación nas súas estratexias empresarias como ferramenta competitiva clave para contribuír á mellora da súa competitividade”, explicou, engadindo que “para este fin, estamos a impulsar a adopción, por parte das empresas, de metodoloxías que permitan incorporar á innovación de xeito sistemático na súa actividade habitual”.
Nove empresas arousanas xa solicitaron participar neste programa que conta cunha primeira fase de diagnóstico, prefinanciada pola Cámara, así como unha segunda fase que supón un plan de apoio en Innovación e para a que a firma solicitante pode obter unha axuda do 80% dun gasto máximo de ata os 12.000 euros.
Exportación e innovación
Pola súa banda, o delegado territorial agradeceu a Cámara de Comercio o seu esforzo polo apoio ás empresas e, por tanto, ao emprego, a través de proxectos “como os que hoxe coñecemos”, animando ás empresas arousanas a participar nestas iniciativas.
Cores Tourís destacou tamén a importancia da colaboración da administración autonómica nestas liñas de apoio á empresas, xa que “dende a Xunta estamos a apostar “pola modernización e exportación para facer máis competitivas ás empresas da comarca”.
De feito, o responsable territorial matizou a importancia da apertura de mercados exteriores para as empresas arousanas e galegas. “Non podemos esquecer que as exportacións supoñen, na actualidade, o 33% do PIB da nosa comunidade. A Xunta, a través de diversos programas e liñas de apoio, pretende ampliar este tanto por cento ata chegar ao 38% no 2015”, matizou.
Neste senso, José Manuel Cores Tourís, recordou a Estratexia de Especialización Intelixente, RIS3, “que está a servir como guía para converter á comunidade nunha economía baseada na innovación en 2020 e que supón un importante investimento en fondos europeos e de capital privado durante os próximos sete anos, que terá como destinatarias, do 75% dos seus programas, as pequenas e medianas empresas”.
Deste xeito, a través do RIS3 investiranse en axudas para programas de innovación, para o fomento da colaboración público-privada en investigación e desenvolvemento, programas de investimentos innovadores para o crecemento empresarial e axudas para o fomento da propiedade industrial.
O xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial, apuntou durante esta visita á Cámara de Comercio a importancia para as pequenas e medianas empresas de plans como os que aporta o IGAPE. “Así, contamos dende a administración autonómica con iniciativas como o Plan Primex para a primeira implantación promocional conxunta no exterior; o programa Innoempresa para a innovación das pymes ou os xestores Igapex que facilitar a prospección e o acceso das empresas a novos mercados”, matizou Rial.
FP Dual
Os responsables da Cámara de Comercio de Vilagarcía tamén quixeron trasladar ao delegado territorial a súa satisfacción pola colaboración coa Xunta, a través da Consellería de Cultura e Educación, a través da posta en marcha da FP Dual.
Segundo lle trasladou Miguel Falcón a José Manuel Cores Tourís, nestes intres, o ente cameral está a enviar unha carta ao texido empresarial arousano para informarlles da firma en febreiro deste ano do convenio coa administración autonómica de cara a colaborar no fomento da FP a través do programa dual, así como no impulso do Plan de Empredemento “Eduemprende”.
“Imos informar ao empresariado, a través dunhas xornadas informativas, das vantaxes que supón para as empresas a súa colaboración neste proxecto que supón a posta en marcha de contratos de formación e aprendizaxe nos diversos ciclos formativos”, explicou o presidente da Cámara de Comercio arousana. Nestas xornadas participarán tamén os concellos da comarca así como os centros de FP que se atopan situados nestes municipios.











