A Biblioteca Municipal de Soutomaior en Arcade celebra a IX Semana do libro
A Biblioteca Municipal do Concello de Soutomaior en Arcade acolle a partir do próximo martes a celebración da IX Semana do Libro. Durante catro días, os asistentes gozarán de varias sesións de contacontos infantís, talleres de máscaras e científicos ademais de sesións de artesanía para toda a familia, todos eles destinados a fomentar o interese pola lectura entre os máis pequenos.
Un ano máis, a celebración da IX Semana do Libro chega ao Concello de Soutomaior. Dividida en catro xornadas festivas cheas de actividades esta conmemoración persegue motivar aos máis novos a introducirse no mundo do libro e a literatura. En palabras da edil de Cultura de Soutomaior, Dores Cernadas, “é importante inculcar o amor pola lectura aos máis pequenos, facéndolles descubrir que os libros tamén son divertidos”.
As actividades establécense da seguinte forma:
Martes 22, a partir das 10:30 horas, distribuídos por idades os nenos asistentes poderán participar nun taller que pretende espertar o seu interese pola ciencia. Mediante contacontos e experimentos sinxelos os pequenos descubrirán dunha maneira divertida aspectos básicos relacionados coa física e química elemental.
Mércores 23, a partir das 17:30 horas, o grupo Xanela Lecer deleitará a nenos, preferentemente maiores de cinco anos, cos seus “Contos ao revés”. Unha historia diferente que fomenta a igualdade e o respecto, onde as bruxas son as boas e os príncipes son feos.
Xoves 24, de 17 a 18:45 horas, terá lugar unha sesión dobre de contacontos e taller de máscaras a cargo do grupo Tarabelos. Dirixido a nenos e nenas maiores de seis anos, os actores interpretan a súa obra “Fabulas”, cunha técnica de narración ilustrada e o apoio das máscaras realizadas.
Venres 25, a partir das 16 horas, dúas sesións para toda a familia pechan esta semana de celebración literaria. A cargo da deseñadora sueca, Elisabeth Hillerud, pais e fillos gozarán de dous talleres interactivos onde poderán aprender a deseñar e confeccionar o seu propia funda portalibros, e a partir das 18:00 horas, a encadernar e decorar os seus propios libros e cadernos pequenos.
As prazas para a maioría das actividades son limitadas polo que se roga aos interesados realizar o seu reserva con antelación. Esta pódese realizar na propia biblioteca, enviando un correo electrónico a biblioteca@soutomaior.com ou chamando ao teléfono 986 700 291 (de luns a venres de 16 a 20 h, e martes e xoves de 9 a 14h).











