A Biblioteca de Vilagarcía celebra de forma conxunta o Día do Autismo e o Día do Libro Infantil
Mañá, 2 de abril, conmemóranse dúas datas moi especiais: O Día do Libro Infantil e o Día do Autismo. A Biblioteca Municipal Rosalía de Castro decidiu celebrar as dúas efeméride de forma conxunta polo que mañá farase entrega dos premios aos mellores usuarios e lectores da sección infantil e xuvenil do centro e, de paso, contribuirán a facer máis visible ante a sociedade o trastorno do autismo para o que colgarán globos azuis nas dependencias de lectura
No m,arco dos actos do Día Internacional do Libro Infantil e, como en anos anteriores, a Biblioteca organiza mañá ás cinco da tarde o acto de entrega dos premios aos mellores lectores usuarios do servizo de préstamo a domicilio da sección infantil e xuvenil da Rede Municipal de Bibliotecas que,a demais do centro de Rey Daviña, integra ás axencias de lectura de Vilaxoán, Carril e Bamio.
A concelleira de Educación e Cultura, Rocío Llovo, presidirá o acto no que recibirán agasallos os seguintes nenos e nenas: Ana Rodríguez Suárez , Alba Rodríguez Doval , Antía Rodríguez María, Lucía Rodríguez Allo, Hana Jamardo Ramos, Roberto Pedreira Sieyro, Uxía Nogueira Franco, Aitor Carril López, Laura Fernández Blanco, Héctor de Santana López.
Os premios teñen como obxectivo premiar a constancia e fidelidade dos máis pequenos na utilización do servizo de préstamo, ademais de fomentar a utilización da Biblioteca e os hábitos de lectura. Os agasallos consistirán nun lote de libros, adaptado ás distintas idades dos rapaces premiados, e un diploma acreditativo.
Durante a xornada de mañá, a Biblioteca estará engalada con globos azuis, sumándose á invitación do colectivo por dereito para dar visibilidade e concienciar á poboación sobre o trastorno do Autismo.











