A biblioteca de Ponte Caldelas celebra o Día do Libro cun encontro poético-musical

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

O Concello de Ponte Caldelas, a través da Biblioteca Municipal, ofrecerá, mañá mércores día 23 de abril a partir das 19 horas, un recital de poesía para conmemorar o Día Internacional do Libro no que intervirán usuarios do centro de lectura lendo publicamente diversos fragmentos de obras de autores de recoñecido prestixio.

O recital de poesía estará intercalado coas actuacións musicais protagonizadas por un trío de usuarios adultos do centro de lectura e outro de nenas que amenizarán a velada poética aberta ao público en xeral e co que se pretende conmemorar unha data emblemática como é o 23 de abril, día en que faleceron autores da talla de Miguel de Cervantes Saavedra, William Shakespeare ou Garcilaso de la Vega.

Esta data foi declarada pola Conferencia Xeral da UNESCO, celebrada en París en 1995, como Día Internacional do Libro co fin de honrar a memoria daqueles literatos e homenaxear a libros e autores.

O Concello de Ponte Caldelas, aproveita esta data para realizar unha serie de actividades desde a Biblioteca Municipal orientadas a dar a coñecer os distintos servizos que ofrece este centro cultural á vez que se fomenta a participación creativa e literaria dos seus usuarios.

Ademais, desde o Concello de Ponte Caldelas, foméntase a afección á lectura animando aos numerosos nenos e mozos que se achegan até a Biblioteca Municipal a incentivar o seu interese pola aprendizaxe, o descubrimento, a curiosidade e a imaxinación creativa a través do apaixonante mundo da literatura.

22 de abril de 2014 | 18:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.