A Aula Municipal de Gravado de Carballo expón o traballo dos 20 creadores que participaron das ensinanzas de Manuel Facal
Coa finalidade de fomentar a creación cultural entre os artistas locais, o Concello de Carballo puxo en marcha en novembro de 2013 unha Aula Municipal de Gravado coa que dar a coñecer esta técnica artística. O taller estivo impartido durante varias semanas baixo a dirección do recoñecido artista e gravador carballés Manuel Facal que, segundo el mesmo asegura, está “contento por ter acadado un resultado que ten moita dignidade”, xa que considera que os traballos realizados polos 20 participantes na actividade “teñen moi bo nivel”. Por este motivo, o Concello reúne agora 20 obras realizadas na aula por estes 20 creadores nunha exposición no andar -1 do Pazo da Cultura. O seguinte paso na andaina da Aula de Gravado sería “darlle continuidade” ao proxecto, en verbas de Manuel Facal, que quixo agradecer a oportunidade ofrecida polo Concello de impartir o taller e que ofreceu a súa axuda aos artistas da Aula “para calquera cousa” que precisen no futuro. Os 20 creadores que expoñen o seu traballo son: Alejandro Vázquez, Andrés Rey Mancebo, Antón Díaz Sánchez, Antonio Taracido García, Cristina Castro Santiago, Emilia Rodríguez de las Heras, Eva Facal, Isa Fernández, José Manuel Rama Edreira, Luis González (Yiyi), Manuel Eirín, Milagros Cotelo, Mon Lendoiro, O’Miguelo, Pedro Tasende, Raúl González Herrera, Rosa Rial Lema, Santi Picos Díaz, Santiago Castro Taibo e Viki Rivadulla. Na inauguración da exposición estiveron presentes, ademais dos 20 creadores das obras, o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; a Concelleira de Cultura, Mar Eirís; e o gravador Manuel Facal, ademais do público asistente.
O Alcalde quixo reiterar o seu agradecemento a Manuel Facal, non só por ter contribuído a crear símbolos recoñecibles para Carballo como as esculturas urbanas situadas na glorieta de Ponte da Pedra ou na de acceso ao Parque Empresarial de Bértoa (“Peixe” e “Escalo”), senón tamén por ofrecer a súa “colaboración desinteresada” para levar a cabo estes tres primeiros obradoiros que conformaron a Aula de Gravado Municipal, para que os que o Concello achegou as instalacións do Fórum Carballo e o material. Ferrero subliñou que “no noso pobo naceu un movemento artístico moi interesante que merece o apoio de todos os carballeses e carballesas” e que tamén se reflicte na iniciativa “Derrubando muros con pintura” que está mudando a faciana de moitas paredes e medianeiras do casco urbano. Para rematar, o Alcalde desexou que “o investimento que se fixo teña continuidade en novas actividades” e agradeceu tamén a participación dos creadores na Aula de Gravado.
A mostra pode visitarse entre o 11 de abril e o 11 de maio no horario habitual de 17.00 a 21.00 horas de luns a domingo no andar -1 do Pazo da Cultura. Na imaxe pode verse aos integrantes da Aula de Gravado co artista Manuel Facal.











