A Aula de Ecoloxía Urbana de Ferrol inicia a programación de obradoiros de primavera

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A Aula de Ecoloxía Urbana (AEU) do Concello de Ferrol inicia a nova tempada de obradoiros de primavera co obxectivo de inculcar aos nenos/as con idades comprendidas entre os 7 e os 12 anos o respecto polo medio ambiente, coñecementos sobre as características da flora e da fauna urbanas,  a contaminación das cidades e o consumo responsable. As actividades son gratuítas e desenvolveranse todos os venres, a partir do vindeiro –día 4- en horario de 17.00 a 18.30 horas. Entre outras actividades, os participantes prepararán unha exposición sobre a natureza a base de murais, cunchas, plumas, follas, etc.

A programación de obradoiros é a seguinte:

– 4 de abril: Mural sobre contaminación I

-11 de abril: Mural sobre contaminación II

-25 de abril: Colección de cunchas I

– 2 de maio: Colección de cunchas II

– 9 de maio: Identificación de rastros e sinais

-16 de maio: Obradoiro de pegadas

-23 de maio: Mural sobre flora das cidades

-30 de maio: Itinerario botánico interactivo

– 6 de xuño: Colección de troncos, follas e froitos

-13 de xuño: Colección de plumas

As datas de realización das actividades son orientativas e poderán sufrir modificacións en función da climatoloxía, número de asistentes, etc. Todos os obradoiros son de balde, pero o número máximo está limitado a 20 participantes. Poderase reservar praza por teléfono (981 944 222) ou por correo electrónico (aeuferrol@mundo-r.com). O material necesario para a realización das actividades corre a conta da AEU, en caso de que fixera falta de que os participantes achegaran algún material, na sesión anterior pediráselles que o traian.

Esta programación de primavera do centro didáctico medioambiental do Concello de Ferrol ten dúas finalidades principais: Por un lado, aproveitar os recursos do parque Raiña Sofía (árbores, carteis identificativos, pegadas, flores, follas, froitos, plumas …). Por outro lado, espertar inquedanzas nos menores, facéndoos partícipes do proceso de montaxe dun museo, dende a realización dos traballos de campo e recollida de material ata a información que debe aparecer con cada obxecto exposto, pasando polo proceso de fabricación das caixas e os expositores en que se colocarán as mostras que formarán parte da exposición.

Cada día, o obradoiro terá unha dinámica distinta, variando dende a realización de murais até un itinerario botánico polo parque, pasando pola identificación de animais polos seus restos (como cunchas, plumas, etc.).

1 de abril de 2014 | 10:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.