A aula CeMIT de Verín acolle catorce novos cursos formativos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

Durante o mes de abril, a aula Multimedia do Concello de Verín ofertará catorce novos cursos formativos para os/as usuarios/as interesados en ampliar os seus coñecementos no sector da comunicación e novas tecnoloxías.

Os cursos que terán lugar son: alfabetización (Internet, correo electrónico -Gmail-, non tires nada: véndeo ou trócao na Internet), administración electrónica. (DNI electrónico, administración electrónica, opera co teu banco), redes sociais (Facebook, Twitter, a páxina web da túa empresa: qué debes saber á hora de contratala), ofimática (procesador de textos, folla de cálculo), e retoque fotográfico (GIMP). Os mesmos serven de continuación aos realizados nas pasadas semanas que foron de iniciación á informática, Internet e Ferramentas na nube, entre outros (con todo tamén existe a posibilidade de aula aberta de luns a venres, de 12 a 14 horas).

Por outra banda, a aula CeMIT tamén pon a disposición dos/as verinenses, de modo gratuíto, a posibilidade de participar nos seminarios ofertados polo CNTG (Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia) e o Centro Demostrador TIC de Galicia, que se imparten a través dun sistema de videoconferencia, instalado na propia aula. A primeira delas, “Xestión de proxectos con metodoloxías áxiles”, terá lugar o vindeiro 11 de abril, de 9.30 a 13.30 horas, e na mesma abordarase a diferenza entre a xestión tradicional e a xestión áxil, facendo un repaso de cada unha delas e coñecendo as principais técnicas áxiles (Scrum, Kanban, Visual Management, Lean) e cando e como aplicalas.  A segunda, “Routing en IPv4 con tecnoloxía CISCO”, será o 14 de abril, no mesmo horario. Neste sesión preténdese trasladar aos/ás asistentes como é a configuración multiárea de OSPF (Open Shortes Path First) abordada dende o punto de visto da nova versión CISCO CCNA routing e switching. A sesión comezará cunha contextualización inicial de OSPF para, a seguir, describir a necesidade da existencia de múltiples áreas e as posibles solucións e funcionalidades ao respecto. Na fase final da xornada farase tamén unha introdución sobre routing en Ipv6.

Todas as persoas interesadas en participar nestes cursos e seminarios deben realizar a súa inscrición na Aula CeMIT de Verín ou tamén na web da Rede CeMIT. Para máis información dirixirse a Aula CeMIT do Concello de Verín, situada na Avenida de Portugal, nº 11, andar 1- porta 11 ou no correo electrónicos: cemit.verin@xunta.es.

3 de abril de 2014 | 13:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.